O PSOE podería ter contratado empresas de familiares e amig@s a través da Fundación Ideas

El Mundo asegura que o PSOE empregou diñeiro da súa fundación para pagar a amig@s e familiares da súa cúpula.

O diario español que fixo público os sobresoldos pagados en diñeiro negro durante máis de dúas décadas á dirección política do Partido Popular, arremete esta segunda feira contra o PSOE. Segundo El Mundo, @s socialistas terían destinado fondos pertencentes á súa fundación 'Ideas' para pagar a amig@s e familiares d@s dirixentes do partido.

Neste senso, El Mundo asegura que unha empresa pertencente á irmá de Elena Valenciano --actualmente secretaria de política internacional e cooperación do PSOE e deputada pola mesma formación no Congreso español-- percibiu 140.000 euros por desenvolver tarefas de tradución. Aliás, segundo o diario español, outr@s líderes como o director da propia fundación, Carlos Mulas, terían beneficiado a entidades pertencentes a familiares con xugosas cantidades de diñeiro por tarefas tales como a elaboración de informes (50.000 euros) ou traballos de consultoría (400.000) desenvolvidos para a fundación.

A nova faise pública días despois de se coñecer que o ex-tesoureiro e ex-senador do Partido Popular, Luís Bárcenas --imputado na operación Gurtel, realizou durante dúas décadas pagamentos con diñeiro negro a dirixentes do seu partido. Após coñeceren a noticia, @s socialistas exixiron explicacións ao presidente do PP --tamén do Goberno-- Mariano Rajoy e a apertura dunha investigación na Audiencia Nacional para o cal presentarían unha querela. Porén a resposta do líder d@s socialistas perante o escándalo foi morna. 

Até o de agora, non transcendeu ningunha declaración desde o PSOE.

Comentarios