O PSdG pide explicacións á CRTVG pola "censura" da manifestación pola sanidade en Monforte

O grupo parlamentar reclama a comparecencia do director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, para que comente por que considera que unha protesta que xunta 9.000 persoas "non ten suficiente relevancia para ser noticia" nos medios públicos nacionais


O PSdG-PSOE pediu explicacións á dirección da CRTVG en relación á decisión de non emitir en ningún dos informativos da televisión e da radio públicas a noticia referida á manifestación realizada esta fin de semana en Monforte en defensa da sanidade pública e contra a área de xestión integrada imposta pola consellaría de Sanidade e que fará dependender de Lugo milleiros de pacientes do hospital de Monforte e do hospital da Costa.

Ao respecto, a deputada Concepción Burgo considerou que a decisión é "máis unha mostra da manipulación que pretende ocultar as críticas ao seu Goberno", en referencia a Núñez Feijóo. Recorda que a manifestación pola mesma causa que se realizara en 2010 en Monforte non foi recollida tampouco pola televisión pública galega, polo que demanda coñecer "as causas que motivaron este silencio informativo".

Ao fío, Burgo quere que o director da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, explique cunha comparecencia no Parlamento galego, se considera que "unha manifestación que congrega 9.000 persoas --nunha vila de 15.000-- e consegue o peche de todo o comercio e a hostalería de Monforte non ten suficiente relevancia para ser noticia" nos medios públicos nacionais. Da mobilización fixeron parte integrantes das tres forzas políticas da oposición con representación na Cámara: BNG, PSdG e AGE.

Comentarios