O PSdeG di que todas as forzas galegas traballan desde a "corresponsabilidade" para unha nova cita electoral

Desde a “corresponsabilidade”, explicou Caballero, “todas as forzas políticas estamos buscando a fórmula” para adiar esas eleccións.
O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).
photo_camera O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).

O líder das socialistas galegas, Gonzalo Caballero, explicou esta terza feira após a reunión mantida co presidente da Xunta e o resto de líderes das forzas galegas, que se buscou un “mecanismo” para “lograr un novo tempo e un novo calendario” porque “a prioridade é a loita contra o coronavirus e as medidas económicas que se estabelezan para paliar esta crise”. 

Desde a “corresponsabilidade”, explicou Caballero, "todas as forzas políticas estamos buscando a fórmula” para adiar esas eleccións". O socialista trasladou que non hai ningún informe que indique os pasos a seguir e que o escenario que se manexa recolle que unha vez deixe de estar vixente o estado de alarma, e todo estea de volta na normalidade, se poidan retomar esas eleccións.

Por iso, segundo manifestou Caballero, están buscando os mecanismos para que a Deputación Permanente teña capacidade nestes días. “Estamos na liña de cooperar e de traballar. Hoxe avanzamos na vía de solución para que unha vez finalice a crise se abra unha nova convocatoria electoral. Estamos en tempos de excepcionalidade porque non sabemos canto vai durar isto", sostivo.

"O PSdeG está disposto a que se alargue o tempo electoral até o máximo, o prioritario é a loita contra o coronavirus", dixo, para engadir que “o PSdeG asume que a nova data electoral poida ser despois do verán". "Unha vez pasado o estado de alarma e de emerxencia precisaremos un período de 54 días para retomar as eleccións e agora estamos centrados na loita contra o coronavirus”, apuntou Caballero, dando por feito que o proceso electoral se iniciará de novo, cunha nova precampaña. 

"Vai existir unha prórroga de mandato ao actual presidente da Xunta. Imos corrixir o decreto de disolución da Cámara pero o Parlamento vai seguir sen funcionamento", salientou. Caballero conta con ter un borrador do Decreto que manexa o Goberno galego esta tarde, para traballar sobre el. “Abrímonos á posibilidade de estudar o mecanismo acordado en Euskadi”, dixo, mais agregou que “non se barallou ningunha data concreta”. 

“Falouse do sistema e comparamos o sistema, primeiro o borrador que traía a Xunta da Galiza e despois se plantexou a posibilidade de traballar cun decreto similar ao do Goberno vasco”, manifestou o líder das socialistas. Polo tanto, este Decreto daría máis garantías xurídicas ao proceso electoral a respecto dos votos por correo xa emitidos e das persoas que a día de hoxe non teñen a maioría de idade pero que si a teñan na nova data dos comicios. 

Un sistema sanitario "forte"

"Esta vai ser unha batalla continua na que os riscos van seguir estando presentes, temos que extremar as accións públicas necesarias. Imos saír disto traballando cada un no seu ámbito de responsabilidades", debullou Caballero, que describiu as "dificultades" da situación actual, na que "temos que extremar as precaucións porque a curva de contaxios segue a estar enriba da mesa". 

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta celebrou as medidas implantadas polo Executivo estatal "para conseguir que esa curva caia nalgún momento con claridade" que van na "búsqueda dun escudo de protección para a cidadanía". "As medidas sanitarias e a saúde son o primeiro, mais de seguido temos que ter unha atención especial á economía. Isto é unha cuestión de solidariedade e e de reciprocidade. Necesitamos ter un mínimo de calidade de vida para que as persoas poidan estar facendo o traballo nas súas casas", argumentou. 

“Esta é unha batalla de todas na que todas temos que estar á altura das circunstancias. Por iso cooperamos de forma leal co Goberno do Estado e co Goberno da Xunta da Galiza”, dixo, “é o momento da unidade e da lealdade de todos os ámbitos públicos e tamén da cidadanía, así llo trasladamos ao presidente da Xunta, que o PSdeG está centrado na sanidade e na economía”.

“Temos que poñer a todo o persoal sanitario dispoñíbel”, asegurou, para matizar que deben ter contratos non precarios. Así, referiuse a que se incorporen as profesionais xubiladas, que se aumente a enfermería a domicilio e que se abran todas as instalacións dos hospitais pechadas. “Canto máis forte sexa o noso sistema sanitario, máis capacidade teremos de afrontar con éxito esta situación de crise”, sinalou, após recoñecer que a prioridade das decisións é “evitar os colapsos” da atención sanitaria. 

Comentarios