O PSdeG tilda de 'indecente' o apoio expresado pola Xunta aos empresarios con investimentos en NGB

Abel Losada demándalle á Xunta que amose a mesma preocupación polas persoas estafadas polas preferentes que polos investidores de NGB.

A Xunta de Galiza asegurou a pasada terza que instaría ao FROB --titular do 90% do capital social de NGB-- a pactar coas principais empresas que actúan como investidoras na entidade financeira. Neste senso, o executivo galego emprazou ao FROB a garantir a participación destes grupos, entre os que se atopan Coren, Azkar, Gadis ou o grupo San José; a través dun acordo entre o organismo e os propios grupos empresariais.

Losada asegura que o posicionamenton da Xunta é 'indecente' e asegura que 'non escoitamos nada semellante para defender aos galegos estafados polas preferentes"

Neste senso, o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, aseguraba a pasada terza que os investidores "non deben ser responsábeis dos erros cometidos" polo que o executivo os apoiaría. Abel Losada, exixiulle esta cuarta feira ao goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo, a manter "como mínimo" a mesma preocupación na defensa das persoas afectadas polas preferentes. Aliás, tildou de "indecente" o posicionamento da Xunta pois dixo, “non escoitamos nada semellante por parte da Xunta para defender a obra social das caixas ou aos 43.000 galegos e galegas estafados coas participacións preferentes”.

Así mesmo, Losada insistiu na necesidade de que o presidente da Xunta de Galiza, compareza no Parlamento para explicar "a súa implicación no proceso de fusión das caixas", após as súas fotografías "con Gayoso, e Méndez, con Pego e García de Paredes despois, e finalmente con Castellano e González Bueno”. Neste senso, o voceiro parlamentar d@s socialistas lembrou a solicitude do seu grupo que instou a Alberto Núñez Feijóo a comparecer de maneira "urxente" na Cámara, algo que foi rexeitado pol@s populares ao entender que unha vez constituída a comisión de investigación, será esta a que determine que persoas deberán comparecer.

Os patrimonios d@s parlamentares
Ao igual que acontecera na lexislatura anterior, o voceiro socialista demandou á Xunta de Galiza que traslade aos grupos parlamentario "o antes posíbel" o modelo de declaración dos bens e rendas d@s deputad@s. Losada, asegurou que desta maneira responden á "necesidade imperiosa e recuperar a dignidade políca" a través, dixo, dun "exercicio de transparencia e de hixiene democrática".
Pola súa banda, o voceiro parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras asegurou que faría un 'striptease' do seu patrimonio e en conferencia de imprensa debullou o seu patrimonio antes de que se faga público. Porén, Beiras asegurou que lle parecía "ridículo" facer públicos os bens e renda d@s representantes polític@s e non os de banqueiros, altos executivos ou mesmo dos membros da máis alta xerarquía eclesiástica.

Comentarios