O PSdeG sentencia sobre o expulsado Seco que "ninguén está por encima das normas do partido"

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, aplaudiu este sábado o labor e implicación do portavoz parlamentario do partido, Luís Álvarez, á vez que lembrou, en alusión ao caso do deputado Martín Seco, que "ninguén está por encima das normas do partido".
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas (Foto: Europa Press).
photo_camera O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas (Foto: Europa Press).

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe Tuñas, aplaudiu este sábado o labor e implicación do portavoz parlamentario do partido, Luís Álvarez, á vez que lembrou, en alusión ao caso do deputado Martín Seco, que "ninguén está por encima das normas do partido".

Aínda que recoñeceu que desde a dirección non é habitual entrar a valorar cuestións desta índole, Laxe Tuñas respondeu así a preguntas dos xornalistas despois de que esta sexta feira se coñecese que o PSdeG remitira a Ferraz o expediente sancionador que solicita a suspensión de militancia e a expulsión do Grupo Parlamentario de Martín Seco, motivado tras un discurso desde a tribuna do hemiciclo no que manifestou as súas discrepancias coa dirección do partido. Fronte a iso, Seco argumentou que, aínda que manifestou a súa opinión contraria, non rompeu a disciplina de voto.

En resposta aos medios, o secretario de organización do PSdeG lembrou que "ninguén está por encima das normas do partido" e pediu "respecto á militancia" que escolleu á dirección. "O partido ten unhas normas e uns procesos e todos temos que respectar a decisión da militancia, a vontade da militancia, cando escolle a unha dirección", destacou.

A continuación, dixo que o PSdeG ten "un gran portavoz parlamentario", Luís Álvarez, que "xestiona adecuadamente as políticas no ámbito parlamentario aplicando a liña política que decide a dirección". "Por tanto, temos máxima confianza nel e na xestión que está a facer do grupo", engadiu.

A versión de Martín Seco

Na xornada anterior deputado socialista Martín Seco confirmou a Nós Diario que lle chegara “un  documento de iniciación de expediente disciplinario” asinado por Laxe Tuñas, no que se motiva esa actuación “unicamente en base a un informe, que descoñezo, do actual portavoz parlamentario sobre a miña intervención no Parlamento galego”.

O deputado sinalou que as súas intervencións parlamentarias ao longo de todo o debate, en relatorio e comisión, da Lei de Áreas Empresariais da Xunta “foron críticas coa política industrial e empresarial do PP, tendo en conta que o seu inacción está a levar a Galiza a perder peso industrial, ademais de estar baseado nun informe remitido pola propia dirección do PSdeG e datos oficiais da nosa economía”.

Seco apuntou que antes do pleno no que se produciu a aprobación desa lei, “indicóusenos que deberiamos votar a favor por indicación da dirección do partido e así o fixemos, para non ser acusados de pór paus nas rodas ao desenvolvemento económico da Galiza”.

Por este motivo, asegurou que o seu comportamento “foi adecuado e irreprochábel, votando o que indicou a dirección do PSdeG, non existindo ningunha tacha posible no meu comportamento parlamentario nin menoscabo á imaxe do partido, debido a que actuei con lealdade e en liña co mandato da dirección do PSdeG”.

Comentarios