O PSdeG homenaxea a Rosalía


Pachi Vázquez anunciou fronte á escultura de Rosalía de Castro que este acto do PSdeG nace con vocación de continuidade.
Homenaxe ás mulleres do PSdeG na Alameda

O monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Compostela foi o lugar escollido pol@s socialistas galeg@s para "reafirmar o seu compromiso con Galiza e coas mulleres galegas e conxúranse para facer de todas e cada unha das súas reivindicacións un motivo de loita permanente", en palabras do seu secretario xeral, Pachi Vázquez. O dirixente socialista foi o encargado de facer a ofrenda floral e de pechar o acto de homenaxe co que os e as socialistas de Galiza rendían homenaxe ás “Mulleres con Historia”.

O PSdeG criticou a Feijoo denunciando que consinte "que as mulleres teñan salarios o 23% máis baixos que os homes e unhas prestacións por desemprego un 18% menores". No seu discurso, Vázquez sinalou a Rosalía de Castro como unha das mulleres máis sobresaíntes da literatura galega e española e como precursora do movemento feminista. Puxo en valor o seu carácter reivindicativo “nun momento en que non era doado” e o seu compromiso enérxico na defensa da súa terra e da súa lingua. O discurso de Pachi Vázquez agradeceu tamén ás mulleres que “marcades o rumbo do PSdeG-PSOE”. Saudou a veteranas loitadoras como María Xosé Porteiro e Rosa Gómez, e a activos do presente como Laura Seara, ex-secretaria de Estado para a Igualdade e deputada, que non puido asistir ao acto por se atopar no congreso dos deputados.

Comentarios