O PSdeG inicia cun Comité nacional convulso o seu calendario congresual

O Comité nacional do PSdeG debaterá sobre o futuro da organización. Algúns membros da dirección do partido poderían exixir a dimisión de Pachi Vázquez após os resultados electorais e que unha xestora asumise o mando até o congreso extraordinário de 2013.

Xuntanza anterior do Comité Nacional
photo_camera Xuntanza anterior do Comité Nacional

Após os resultados electorais obtidos o 21-O, en que o PSOE perdeu sete representantes no Parlamento galego –retrocedendo até o número de apoios que posuía en 1981-- @s socialistas  reúnen este sábado o seu máximo órgano de decisión para abordar o seu futuro inmediato. Neste senso, malia que a executiva nacional do partido decidira, por unanimidade, o mantemento de Pachi Vázquez como líder da formación até se celebrar  un congreso extraordinario en 2013; diversas fontes apuntan cara a posibilidade dun cambio de rumbo, pois algúns dos membros da dirección do PSdeG poderían demandar a dimisión de Vázquez e que se sitúe á fronte da organización unha xestora conformada polos secretarios comarcais.

Fontes da dirección aseguran que poderían demandar a dimisión de Vázquez e a creación dunha xestora

No entanto, o Comité nacional, ten como principal obxecto acordar entre @s súas/seus participantes, as datas do calendario congresual e marcaren os tempos do “proceso de reflexión” anunciado pouco despois da debacle electoral.

Voces críticas piden un cambio

Entre as facianas máis visíbeis d@s socialistas atópanse diversas voces que apuntarían cara a introdución de profundos cambios organizativos. Ao igual que xa fixera o exvoceiro parlamentar, Ismael Rego, quen aseguraba que Vazquez debería demitir para favorecer unha revogación no partido; Francisco Caamaño, que encabezaba a listaxe electoral pola Coruña e podería apuntar como un dos nomes fortes no Congreso de 2013, tamén asegurou que Pachi Vázquez non debería ser voceiro de grupo no Parlamento –algo que xa se resolveu esta mesma semana ao se presentar a Abel Losada como tal. 

Así mesmo, algúns medios de comunicación aseguraron ao longo dos últimos días que as persoas que integran o Comité nacional do PSdeG, mesmo poderían pedir que se convocaran primarias abertas ou un Congreso ordinario que permitise avaliar máis polo miúdo a realidade que está a vivir o partido.

Porén, non todo serian sombras para Vázquez, que gozaría do apoio, entre outros, do alcalde de Lugo, López Orozco ou mesmo José Blanco –que, no entanto, poderían estar a cavilar na posibilidade de conformaren unha outra opción para a dirección da formación, mais que agardaría a ser presentada de acordo cos prazos marcados de antemán e sen apurar a dimisión do aínda secretario xeral. 

Comentarios