O PSdeG advirte que recorrerá "no Tribunal Constitucional" o repagamento nos comedores escolares

Pachi Vázquez anunciou na súa quenda de intervención que o PSdeG acudirá "aos tribunais" se a Xunta segue adiante coa fixación dunha taxa nos comedores escolares. O secretario xeral d@s socialistas lembrou @s membros do executivo galego que segundo o disposto na Constitución española e a Lei Orgánica de Educación --aínda en vixencia-- o ensino é "público e gratuíto" polo que a adopción desta medida suporía unha vulneración da lexislación. "Acudiremos ao Tribunal Constitucional", anunciou Pachi Vázquez entrementres acusaba á Xunta de impor o repagamento nos comedores para "máis de 20.000 familias" mesmo naqueles casos en que o salario mensal percibido fique por baixo do salario mínimo. 

"Vostede negou en campaña máis de 100 veces que se aplicarían taxas nos comedores escolares", lembraba o socialista. Porén, após o anuncio feito por Jesús Vázquez e de acordo cos parámetros fixados pola Xunta de Galiza, aquelas persoas cun salario de pouco máis de 580 euros terán que pagar 1,5€ por crianza en idade escolar. "Deixe de quitar a que nada ten" exixiu Pachi Vázquez a un presidente da Xunta que defendeu o taxazo asegurando que non pagarán "cos cartos dos parados os comedores dos deputados desta Cámara". 

Comentarios