Agardará a que feche o prazo de apresentación das candidaturas

O PPdeG tomará partido no congreso que dará o relevo a Raxoi

A dirección do PPdeG non será neutral no Congreso extraordinario -20 e 21 de xullo, Madrid- en que se elixe o relevo de Raxoi. O día seguinte a se facer a un lado, Feixóo dixo que a organización galega do partido conservador non tomará ningunha decisión até finalizar o prazo para a apresentación das candidaturas, esta cuarta feira ás 14 horas. Será entón cando o PPdeG "meditará ou avaliará" cal sería ao seu xuízo "a mellor opción para o futuro" da formación.

27187303957_32cc42d3d6_h
photo_camera Feixóo, nun acto do PPdeG

Nunhas declaracións á imprensa realizadas á entrada do Pazo do Hórreo -esta semana toca pleno no Parlamento- Feixóo pronunciouse nestes termos: "Imos ver que facemos no congreso; vanse presentar bos compañeiros (...) imos esperar a que conclúa o prazo e, posteriormente, o PPdeG meditará e avaliará cal nos parece que poda ser a mellor opción para o futuro do PP de España".

O prazo para a apresentación das candidaturas a este congreso extraordinario do PP conclúe esta cuarta feira ás 14 horas. No momento en que Feixóo realizou as súas declaracións, xa anunciaran a súa intención de concorrer á contenda interna polo liderado do partido a ex vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría -rival interna de Feixóo-, o ex ministro de Asuntos Exteriores José Manuel García Margallo, Pablo Casado (até hoxe vicesecretario de Comunicación do partido), o portavoz popular da comisión de exteriores do Congreso José Ramón García Hernández e o ex líder de Novas Xeracións José Luis Bayo. Con posterioridade ao encontro de Feixóo coa imprensa, a ex ministra de Defensa María Dolores de Cospedal uniuse ao grupo de aspirantes.

Casado e Cospedal abandonaron hoxe os seus cargos no partido -vicesecretario de Comunicación e secretaria xeral, respectivamente-  para, coincidiron en afirmar, non disporen de ningunha vantaxe orgánica durante o proceso. Un xesto puramente aparencial, pois é evidente que a influencia que teñen sobre a organización -nomeadamente a súa secretaria xeral- non a van perder de repente e a tan poucos días da votación en urna (5 de xullo) á que están convocados as e os militantes do partido.

Son, por tanto, 6 as opcións que até agora se oferecen para liderar o partido. Mais non é inteiramente desbotábel que se acabe sumando alguén máis. Esta mesma terza feira, Ana Pastor -presidenta do Congreso e persoa moi próxima a Raxoi- evitou descartarse como candidata, nunhas breves declaracións aos meios en Ciudad Real. Algúns sectores do partido ven nela a única opción de evitar que a formación rache nunha pugna encarnizada entre as seareiras de Soraya e as de Cospedal -as dúas candidatas neste momento favoritas.

Todo indica que entre as candidaturas xa anunciadas Feixóo se inclinaría por apoiar María Dolores de Cospedal. Úneos a animadversión común a Soraya Sáenz de Santamaría. Non é un detalle menor lembrar que na súa entrevista con Jordi Évole en Salvados o líder do PPdeG afirmou o criterio de que "é bon que un presidente do goberno o fose antes dunha autonomía". Ese criterio cumpríao o propio Feixóo. Excluído el, do grupo dos 6 só o cumpre Cospedal, ex presidenta de Castela A Mancha.

Comentarios