PARLAMENTO

O PP vota contra a prestación de 360€ para familias con fill@s menores de 3 anos ao cargo

Despois de anunciar a Xunta un Plan de Dinamización Demográfica, negaron o apoio a unha proposición non de lei do BNG que pretendía incrementar as partidas orzamentarias destinadas a esta prestación até as cantidades fixadas nos orzamentos de 2010, e que a cobrase quen presentase a declaración de Facenda aínda sen estar obrigad@

Tras o anuncio da Xunta de Galiza dun Plan de Dinamización Demográfica onde os dereitos sociais das mulleres non se contemplan e que en breve chegará ao Parlamento, o PP vén de votar en contra dunha proposición non de lei do BNG que tiña por obxecto instar o Goberno galego a incrementar as partidas orzamentarias destinadas á prestación económica de 360 euros ás persoas con fill@s menores de 3 anos a cargo nas cantidades que figuraban nos orzamentos de 2010.

Desde a formación frontista, o deputado Manuel Parga criticou que o PP "teime en pór trabas", no lugar de apoiar medidas a prol da conciliación da vida laboral e persoal, mentres "predican a necesidade" de dinamizar a demografía nun plan que, segundo explicaron desde a Xunta, inclúe incentivos fiscais para as familias. "E hoxe que teñen a oportunidade de aprobar unha iniciativa garantindo eses incentivos, votan en contra", queixouse Parga.

A proposta d@s nacionalistas procuraba garantir o acceso a esta prestación ás persoas que, tendo ao seu cargo fill@s desa idade, presentaron "voluntariamente" a declaración de Facenda, "aínda sen estar obrigadas por razón dos seus ingresos". Parga recoñeceu que o problema demográfico que sofre Galiza "é preocupante", mais desbotou a posibilidade de mudar a situación "coa secuencia de plans propostos polo Goberno, que non son máis que cantos de serea con moi pouca credibilidade".

Na liña, o deputado do BNG arremeteu contra a Xunta, ao entender que "non deixan de aplicar recortes nas prestacións ás familias e nos servizos públicos básicos, cun incremento substancial das matrículas nas escolas infantís", e puxo cifras riba da mesa: a consellaría de Traballo e Benestar mantivo nos orzamentos o recorte nas partidas destinadas a tales prestacións "por segundo ano consecutivo", pasando de 4.950.000 en 2011 a 2.700.000 en 2012.

A maiores deste recorte, unha orde de 30 de Decembro de 2011 e tamén desta Consellaría, fixa as novas bases que rexerán a concesión de prestacións ás persoas con fill@s menores de tres anos, das que fican á marxe aquelas fagan a declaración ante Facenda pese a non ficar obrigadas. Segundo valorou Parga, está a restrinxirse á metade e "inxustamente" o número de beneficiari@s de 2010, e fomentando que as familias con menos recursos deixen de recibir o pagamento. "A cantidade non é moi elevada, mais pode suporlles un alivio económico importante", razoou o deputado.

Comentarios