O PP veta as iniciativas populares sobre Preescolar na Casa e Sanidade Pública

Ambas iniciativas lexislaturas populares (ILP) contaban co apoio de ducias de milleiros de sinaturas
Imaxe do Parlamento de Galicia.
photo_camera Imaxe do Parlamento de Galicia.

O PP fixo valer a súa maioría absoluta para vetar o debate no Parlamento de dúas iniciativas impulsadas pola cidadanía galega: Unha sobre Preescolar na Casa e outra de SOS Sanidade Pública. Entre as dúas sumaban o apoio de milleiros de galegos e galegas, que coa súa sinatura pedían que a Cámara autonómica debatese sobre dúas cuestións nas que o Goberno presidido por Núñez Feijóo ten aplicado a tesoura dos recortes.

Para o BNG, a actitude do Partido Popular resposta a que "non quere escoitar o que ten que dicir a xente e prefire menoscabar a democracia”.

A ILP sobre Preescolar na Casa recabou o apoio de 26.000 persoas. Este programa, con 35 anos ás costas de traballo e compromiso pola educación de nen@s do medio rural, ficou condenado á desaparición por mor da desisidia do goberno galego, que retirou os fondos económicos precisos para manter o proxecto.

No que atinxe á ILP da Sanidade Pública, desde a Plataforma que a impulsou sinálase que "a Iniciativa Lexislativa Popular reuniu todos os requisitos legais esixidos polo Parlamento e a Comisión Electoral para a súa presentación e trámite e reuniu máis de 45.0000 firmas perfectamente acreditadas en apoio da mesma".

Mobilizacións

SOS-Sanidade Pública esixe ao Grupo Popular que "acepte o debate democrático da Iniciativa no Parlamento e retire o veto á tramitación da mesma, en caso contrario a Plataforma convocará á cidadanía galega a amosar a súa repulsa a un comportamento tan prepotente e antidemocrático". Considera, aliás, que "é perigoso para a convivencia desprezar a vontade e o esforzo de miles de galegos que exerceron o seu dereito democrático a expresarse e a presentar as súas propostas ao Parlamento da súa Comunidade Autónoma para o seu debate e posible aprobación". De aí que non descarten realizar mobilizacións.

Comentarios