A maioría absoluta, parapeto de Feijóo para non dar explicacións no Parlamento sobre os casos de corrupción

Pedro Puy anunciou que o PP "non apoiará" a solicitude de comparecencia parlamentar presentada de forma conxunta por BNG, AGE e PSdeG para que o presidente da Xunta explicase "os casos de corrupción" que acosan o partido do goberno.
photo_camera Voceir@s de BNG, PSdeG e AGE presentan a solicitude no rexistro [Imaxe: SG]

Após a negativa d@s populares a que Alberto Núñez Feijóo comparecese no Parlamento como solicitaba o PSdeG, as tres forzas da oposición veñen de presentar no rexistro unha solicitude conxunta na procura de que o presidente da Xunta e do PP een Galiza rinda contas a respecto dos numerosos escándalos de corrupción que foron descubertos no seu partido.

"Feijóo pediulle explicacións a todo o mundo mais el non di absolutamente nada", asegurou o portavoz parlamentar do PSdeG referíndose aos "casos locais" que tocan a dirixentes do partido amais, dixo, "do affaire Bárcenas" ironizou o socialista. De igual maneira, o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera denunciou que os casos de corrupción do PP "están a ter un impacto negativo na situación" do país e exixiu explicacións ao máximo responsábel da formación en Galiza.

O PP non apoiará iniciativas que "pretenden distraer a atención da cidadanía"

No entanto, Pedro Puy asegurou que o Partido Popular "non apoiará" a iniciativa da oposición asegurando que "non hai nin un só caso de corrupción que afecte á Xunta de Galiza". O portavoz d@s populares criticou que BNG, AGE e PSdeG "procuran desviar a atención" da cidadanía sob os asuntos de importancia que actualmente afectan ao país e apelou á recentemente constituída comisión parlamentar sobre corrupción.

Puy aproveitou a ocasión para bater contra os grupos da oposición aos que tildou de "tripartito" encamiñado, dixo, "cada vez máis cara á radicalidade". Neste senso asegurou que o obxectivo de PSdeG e BNG é "distraer" á cidadanía do que cualificou como os seus problemas internos e acusounos de lle faceren "o xogo a AGE" no seu intento por "desprestixiar as institucións".

Comentarios