O PP rexeita abolir as touradas porque manteñen as 'dehesas'

A proposición de lei presentada polo BNG foi rexeitada polo grupo maioritario da Cámara que argüíu a pervivencia das "dehesas" para defender o mantemento das touradas na Galiza

photo_camera [Imaxe amosada por Ana Pontón no Pleno @obloque]

Dentro do previsíbel o grupo popular na Cámara galega rexeitou esta terza feira suprimir a excepción das touradas do cumprimento da lei 1/1993 de protección dos dereitos dos animais domésticos e salvaxes en cautividade. A Proposición de lei presentada polo BNG tiña por obxecto abolir estas prácticas no noso país ao considerar que constitúen unha "tortura animal" e non responden a ningunha tradición cultural galega. 

"Non hai tradición das touradas no noso país", aseverou a deputada nacionalista, Ana Pontón, "a súa introdución na Galiza coincidiu sempre e iniciouse cos procesos de centralización do Estado e cun intento de imposición de prácticas que non teñen nada a ver coa nosa tradición cultural", acrecentou. Ao tempo, Pontón sinalou que "do contrario" tamén manterían a mesma posición pois a súa vontade é "declarar Galiza, territorio libre de touradas", como xa se teñen manifestado outros como Canarias ou Catalunya. 

A reforma proposta polo grupo parlamentar do Bloque --que contou co apoio d@s representantes de AGE e PSdeG-- baseábase na consideración das touradas como espectáculos "cruentos" e "de tortura". 

Ana Pontón: "A introdución das touradas na Galiza coincidiu sempre e iniciouse cos procesos de centralización do Estado e cun intento de imposición de prácticas que non teñen nada a ver coa nosa tradición cultural"

Porén, para @s deputad@s populares o mantemento das touradas garante a pervivencia das "dehesas" en tanto que espazos para a cría de touros de lidia. "Cómo é ben sabido Galiza está chea de "dehesas"", afirmou con retranca na súa conta de Twitter o portavoz do BNG Francisco Jorquera mentres se desenvolvía o debate en sesión plenaria. 

Feijóo, Rajoy, Rueda e Louzán na Praza de touros de Pontevedra
Desde o Partido Popular acusaron @s nacionalistas de manteren unha praza de touros en activo na cidade de Pontevedra. Cuestión que retrucou Ana Pontón na segunda quenda de intervención asegurando que lle pareceron "pobres" esas argumentacións e lembrou que as corridas de touros na cidade son "financiadas pola Deputación" gobernada polo popular Rafael Louzán. 

Aliás, ensinou unha fotografía na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente español, Mariano Rajoy participaron no verán pasado dunha tourada en Pontevedra. @s deputad@s do PP que se remexían nas cadeiras foron interpeladas con sorna por Pontón cun "non se poñan nerviosos" ao tempo que amosaba unha outra fotografía dos resultados deses espectáculos "verdadeira tortura", apuntou a nacionalista "non cultura". 

Comentarios