O PP respalda a sanción a Jorquera

A vice-voceira popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou que "todos os cidadáns están sometidos á lei" e "polo tanto obrigados a cumplila". Segundo a parlamentar, o deputado do Bloque incorreu nunha vulneración da Lei de seguridade cidadá como reflicte, di, "o informe policial" que acompaña a sanción. Imaxe capa: Óscar Paris

photo_camera [Imaxe: Óscar Paris]

Para a vice-portavoz do grupo popular a sanción administrativa imposta pola Subdelegación do Goberno español ao voceiro paralamentar do Bloque, Francisco Jorquera, "non se pode dicir" que supoña unha vulneración "dos seus dereitos como deputado" pois ao entender da deputada do Partido Popular --que substituíu a Pedro Puy na comparecencia de imprensa posterior á Xunta de portavoces-- só "ás veces" e "para o que queren din que son deputados".

Francisco Jorquera defendeu que "ser deputado" non é "premer un botón cando toca" senón "traballar do lado dos cidadáns" e "loitar contra as inxustizas" 

Desde o Partido Popular respaldaron a medida adoptada contra Francisco Jorquera argüíndo que, de acordo co informe policial achegado, o nacionalista tería incorrido nunha vulneración da Lei de seguridade cidadá. Neste senso, a popular afirmou "todos os cidadáns" e tamén, matizou "os deputados están sometidos á lei e, polo tanto, "obrigados a cumplila". Aliás, engadiu, Francisco Jorquera non podería apelar á súa condición de aforado por non atoparse non exercicio das súas funcións parlamentares.

PSdeG e AGE consideran un "tic autoritario" e unha "cafrada" a sanción imposta

Porén, desde os grupos da oposición consideraron que a condición de deputado vai para alén do seu traballo na Cámara e mantense "en calquera ámbito da súa vida cívica", apuntou Xosé Manuel Beiras da AGE. Tamén así, o propio Francisco Jorquera --que asegurou sentirse "orgulloso" de ter participado nas manifestacións para evitar o despexo de Aurelia Rey e atoparse "perplexo por varias circunstancias"-- defendeu que a súa acta de deputado vai para alén "de premer un botón" embora, dixo, non vaia facer valer a súa condición de parlamentar. 

O portavoz do Bloque asegurou sentirse "perplexo" por ter coñecido a sanción "lendo o xornal"

Tamén así, o nacionalista denunciou ter sabido da súa sanción "lendo o xornal" o que considerou un incumprimento do Estado de dereito ao que apela, precisamente, a Subdelegación. Francisco Jorquera criticou con dureza, aliás, os termos empregados polo Goberno español dos que dixo "nos retrotraen ao tempo do franquismo" ao falaren de "cabecillas"

AGE e PSdeG denunciaron os "tics autoritarios" que ao seu entender ten a decisión da Subdelegación do Goberno español e mesmo tildaron de "cafrada" a sanción imposta. Para Abel Losada, a multa --que ascende a 600 euros-- é "cosubstancial á dereita" pois ao seu entender "cada vez que goberna" os apercebementos "saen coma cogumelos en outono". 

Ambos os dous grupos da oposición (AGE e PSdeG) rexeitaron que a participación do portavoz do Bloque nos protestos supuxese unha vulneración da lei e mesmo consideraron que o PP se trabuca se cre que "con expedientes, valados de seguridade e antidisturbios" vai solucionar os problemas da Galiza. 

Comentarios