O PP recoñece que non hai diñeiro para o hospital de Vigo mais defende que a obra rematará segundo o previsto

A Plataforma SOS Sanidade Pública exixiu nunha concentración encabezada polos líderes da oposición que a Xunta de Galiza "rescate" o proxecto hospitalario paralizado desde hai meses

Concentración polo hospital de Vigo
photo_camera Concentración polo hospital de Vigo

Alberto Núñez Feijóo asegurou hai uns días que "aínda é posíbel" manter os prazos previstos para a construción do complexo hospitalario de Vigo, prevista para 2014. Porén, a realidade é ben distinta. 

A situación económica que atravesan algunhas das empresas concesionarias do servizo --agrupadas na UTE Concesionaria Novo Hospital de Vigo SA-- ten paralizado o proxecto desde hai meses e até o propio goberno galego se viu na orbriga de recoñecer a evidencia de que o resultado final "dependerá de cando se resolvan os problemas internos" das empresas que conforman a UTE.

Embora as empresas da concesionaria estean en concurso de acredores e sen solvencia para facer fronte ao levantamento e explotación dos servizos adxudicados, a área de Vigo podería ficar "condenada a ter unha sanidade privada para os próximos 25 anos" denuncian. 

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública, activistas e grupos da oposición exixiron á Consellaría de Rocío Mosquera e ao presidente da Xunta que "rescate" a concesión perante o que consideran "un incumprimento flagrante" por parte das compañías adxudicatarias.

Nunha concentración a pé de obra, encabezada polos líderes da oposición --BNG, AGE e PSdeG-- ducias de persoas reclamaron ao goberno galego que "actúe" no que consideran "un modelo de financiamento privado fracasado" que demostra "o grave erro" da xestión sanitaria de Núñez Feijóo, "máis cara" din "que se a fixera pagada con fondos públicos". 

Comentarios