O PP quita a exposición pública o proxecto de fusión para Oza dos Ríos e Cesuras sen a oposición

É un trámite previo á aprobación definitiva da unión destes dous concellos. En Oza sairá adiante coa maioría conservadora. En Cesuras cómprelles o apoio dunha ou dun edil da oposición. Mais, de non conseguilo, tanto a Deputación da Coruña como a Xunta poderán impor a fusión

Os concellos de Oza dos Ríos e Cesuras (A Coruña) sacarán a exposición pública o plan de viabilidade da fusión. En ambos Concellos, os votos do PP foron suficientes para tirar adiante coa iniciativa, aínda sen o visto e prace nin do BNG nin do PSOE. En Oza, os dous partidos da oposición abstéronse, mentres que en Cesuras votaron en contra. Haberá vinte días para presentar alegacións a un texto baseado no documento elaborado pola Deputación da Coruña sobre a viabiliade do proceso da fusión.

Así, en Cesuras, o nacionalista Lito Vázquez manifestou a súa postura en contra con tanta ansia que foi chamado á orde dúas veces, e o rexedor suspendeu o pleno durante uns minutos. Defendeu que se trata dun informe redactado "por un axente de prensa do PP", e amparouse en que non vai asinado por ningunha persoa técnica para comparalo cun "programa electoral cheo de promesas".

Pola súa banda, a voceira do PSOE, Pilar Pedreira, dixo non ter nada en contra de que se facilite información á veciñanza, mais arremeteu contra esta iniciativa por supor "unha chantaxe social" e pola súa "clara intencionalidade manipuladora". Desde o BNG, Vázquez solicitou que o devandito informe fose entregado á cidadanía sen elevalo a documento público, e abrir un debate que culminase con este último. O alcalde rexeitou a proposta e dixo que non está contemplada na lei.

Someter o texto a exposición pública é o trámite previo á aprobación definitiva da fusión, para a que cumprirían os votos a favor dos 2/3 da corporación. En Oza serán dabondo as mans erguidas d@s edís populares para quitar adiante a iniciativa. Porén, en Cesuras fan parte da corporación municipal sete edís do PP, unha do PSOE e tres do BNG. @s conservador@s cumpriríalles o apoio dun ou dunha concelleira da oposición e, se esta tombase o proxecto, tanto a Deputación da Coruña --gobernada por Diego Calvo, do PP-- como a Xunta teñen competencias para impor a fusión.

Por conseguinte, todo apunta a que o obxectivo dos dous rexedores do PP se materializará, e contan con ver xuntados os dous municipios a finais deste ano. O concello resultante, Oza-Cesuras, tería a capital na primeira das localidades e contaría cunha poboación de 5.500 habitantes repartid@s en 152 quilómetros cadrados. Sería o primeiro proceso de fusión municipal na Galiza en máis de 40 anos.

Comentarios