O PP promete reducir en farmacia e persoal público mentres o BNG fai balance: ''Feijóo fracasou''

Di o presidente galego que reducir o gasto farmacéutico un 20% daría orzamento ''para unha consellaría enteira''. Usando o mesmo símil, calculamos que reducir en 10 puntos a evasión de impostos que practican grandes empresas e grandes fortunas deixaría ingresos para 18 consellarías. O BNG lembra que a solvencia dun país non se mide polo déficit, senón na capacidade de xerar emprego

O Diario oficial de Galiza publica nesta terza feira o decreto de disolución do Parlamento e fixa as eleccións para o vindeiro 21 de outubro, tal e como na segunda anunciara Núñez Feijóo. Remata así a oitava lexislatura galega, e haberá que agardar até o 16 de novembro para a primeira reunión da nova Cámara, após a cita coas urnas. Ao recuar o PP na súa intención de reducir o número de deputad@s serán máis unha vez 75 @s escollid@s. A campaña electoral arrincará o día 5 de outubro e rematará o 19, quedando o 20 para a xornada de reflexión.

Coa metade do PIB somerxido financiaríanse até 18 consellarías
Con todo, o líder da formación conservadora na Galiza e candidato á reelección aproveitou xa unha entrevista na radio pública española para facer promesas. Se volve gobernar reducirá o gasto farmacéutico e gastos de persoal público --"hai unha capacidade enorme para aforrar en gasto de persoal", dixo, referíndose ao mesmo colectivo ao que se lle reduciron xa os días de libre disposición e que quedaron sen a paga extra do mes de decembro--. Respecto do primeiro punto, informou de que o país desembolsa até 800 millóns en farmacia e, de se reducir nun 20% a cantidade, obteríanse 150 millóns, "habería orzamento para unha consellaría enteira".

Na procura de orzamento podería tamén o dos Peares apostar por rebaixar en dez puntos o PIB somerxido da Galiza, que se sitúa no 26,3%, superando en tres puntos a media do estado e duplicando a europea. Os ingresos que permitiría tal medida serían de case 3 mil millóns cada ano --2.796 millóns, segundo os datos do Gestha, o persoal técnico de Facenda--. Botando man do mesmo símil e facendo os mesmos cálculos que Feijóo --150 millóns por consellaría-- reducir só á metade a evasión de impostos que practican grandes empresas e grandes fortunas dotaría de orzamento a até 18 consellarías, e sobrarían cartos.

"Feijóo fracasou"
Pola súa banda, o BNG aproveitou o último día da lexislatura para facer un balance que podería resumirse en dúas palabras pronunciadas pola voceira nacionalista Ana Pontón: "Feijóo fracasou". Ante a insistencia de Feijóo en lembrar que a Galiza é o territorio con menor déficit, lembra Pontón que a solvencia dun país non se mide neses termos, senón "na capacidade de xerar emprego, riqueza e benestar". Por tanto, a Galiza é o territorio "con máis paro, menos servizos públicos, máis persoas sen ingresos e sectores produtivos nunha situación límite".

Así, após tres meses en caída libre, a nacionalista referiuse á economía galega destacando a "situación límite" que viven o agro, a pesca e o naval, acusando a Feijóo de ser "incapaz" de por freo a esta situación tomando, por contra, decisións que contribuíron a acelerala.

Aceptou o presidente galego un sistema de financiamento "inxusto e discriminatorio", paralizou o consurso eólico a pesar de que suporía a perda de "miles" de empregos, e "foi cómplice da desaparición das caixas", o único instrumento propio de financiamento que tiña Galiza. Houbo no balance de Pontón tempo para repasar os "ataques" á lingua e á cultura. "Por primeira vez na historia da autonomía un goberno prohibe o uso do galego en varias materias do ensino e asigna miles de millóns ao Gaiás namentres a nosa cultura esmorecía".

Comentarios