O PP pide no Parlamento que se paralice o proxecto de cidade habitábel e sostíbel que o BNG impulsa en Pontevedra

O Partido Popular carga na Cámara autonómica, por “obsoleto”, contra un proxecto urbanístico que mereceu ducias de premios internacionais. O BNG acusa aos conservadores de teimar en “dinamitar” un modelo de cidade ao servizo da cidadanía
Pontevedra

Pontevedra en tanto proxecto ou modelo de cidade alternativo non gosta ao PP. De feito, os conservadores presentaron unha proposición non de lei que pon cuestión un modelo de desenvolvemento que fixo a cidade  merecedora de ducias de premios. O último, o Intermodes 2013, Premio europeo á mobilidade outorgado por unha entidade colaboradora da UE. Entende o PP que está baseado nun planeamento de 1989 "xa obsoleto" e que "dificulta o avance da cidade cara a un modelo urbano". De feito, a intervención do representante do PP na Comisión de Ordenación Territorial foi por ese camiño. Insistir en que Pontevedra é un modelo fanado. “Non val o seu modelo de cidade”, asegurou, á vez que sinalaba, dirixíndose aos representantes do BNG na comisión, “que do que presumides, carecedes”. A defensa do territorio emprendida desde o goberno municipal é cualificada polo PP na súa proposición non de lei como "unha actitude obstrucionista", polo que insta a Xunta a que se dirixa ao Concello para lle lembrar a obriga de tramitar o PXOM e "de o adaptar á legalidade vixente"

“Até vós recoñecedes os cambios positivos”

A nacionalista Ana Pontón, pola súa banda, respondeu que Pontevedra leva anos recibindo recoñecementos nivel mesmo internacional. Por desenvolvemento urbano, sustentábel, ambiental, cidadá... “Descoñecemos, por outra parte, que tipo de premios levou a Xunta do PP nestes anos por iniciativas nese sentido”, manifestou a parlamentar nacionalista. Pontón indicou que ao longo destes anos de goberno nacionalista Pontevedra “experimentou unha transformación que nin vostedes poden negar”, aliás de acusar ao PP de “atacar un modelo que mostra que as cousas se poden facer ben”. O representante socialista na comisión, o ex-alcalde de Compostela Sánchez Bugallo, tamén alabou a transformación experimentada pola cidade do Lérez nestes últimos anos.

Comentarios