O PP pide a demisión do alcalde de Ourense por gastar 100€ da asignación do Concello en bebidas para unha festa do PSdG

O Concello de Ourense ten convocado para esta quinta feira un pleno extraordinario cun único punto na orde do día: "solicitar a reprobación da xestión e actitude de Agustín Fernández Gallego como alcalde de Ourense e a súa demisión como membro desta corporación municipal". O BNG decidirá se a reprobación vai adiante, pois o PSdG votará en contra e PP e Democracia Ourensana farano a favor.


O BNG local terá que decidir esta cuarta feira se apoia a Fernández ou vota co PP, que ten xa o apoio d@s súas 11 edís e d@s 2 de Democracia Ourensana. O PSdG votará contra a reprobación.

O rexedor xa pediu desculpas en dúas ocasións polos abonos con cargo á asignación do grupo socialista, deixando claro que as críticas do PP se refiren a unha cantidade de menos de 100 euros. Na mesma liña pronunciouse o voceiro do BNG, Xosé Somoza, que convidou o grupo socialista a deixar de lado a crise interna "e enfocar os asuntos importantes para a cidade".

O BNG tilda de "fariseo" o PP por queixarse pola compra de alcol para festas do PSdeG por menos de 100 euros cando pola súa parte gastou 10.690 en "paparotas"

Non só iso. Somoza tildou de "fariseo" queixarse pola compra de alcol para dúas festas do PSdG cando o PP empregou 10.690 euros en "gastos de representación", é dicir, paparotas entre el@s propi@s ou ágapes coa veciñanza na procura dun apoio político. Pola súa banda, Democracia Ourensana emprega a súa asignación, por volta de 17.000 euros, en pagos a Auria TV, a canle de televisión privada do seu líder, Gonzalo Pérez Jácome.

Así as cousas, após pedir desculpas polo gasto realizado, Agustín Fernández solicitou do PP unha oposición "construtiva" e criticou "a ambición" polo bastón de mando do líder d@s conservador@s, Rosendo Fernández, quen mostrou xa a súa disposición a negociar pactos con outros grupos políticos para colocarse á fronte da alcaldía.

Nun comunicado de imprensa feito público este sábado, o rexedor socialista sinalou que "non é xusta toda a polémica por un erro puntual e non é razón suficiente para restar credibilidade ao goberno nin a este alcalde, nin moito menos para considerar a demisión de ninguén".

Comentarios