O PP usa a súa maioría absoluta e os orzamentos saen "igual que entraron"

Das máis de 1000 emendas presentadas por BNG, AGE e PSdeG o grupo maioritario da Cámara só admitiu 7.

As portavocías dos grupos da oposición denunciaron nesta segunda feira o rexeitamento do Partido Popular ás achegas presentadas en forma de emenda aos Orzamentos 2013 que están a piques de se aprobar na Cámara galega. Após presentaren máis dun milleiro de emendas, o grupo popular usa a súa maioría e rexeita a práctica totalidade das aportacións presentadas por BNG, AGE e PSdeG. Todos os grupos da oposición rexeitaron as contas presentadas polo executivo galego ao aseguraren que "agravan a crise" e non serven para pór freo aos altos índices de desemprego que padece o país.

"Non serviu para nada" o paso dos Orzamentos pola ponencia e a Comisión, denunciou o deputado nacionalista Carlos Aymerich na súa intervención. Da mesma maneira o líder de AGE, Xosé Manuel Beiras ironizaba co "rolete do PP" afirmando que as contas para este ano semellaban máis "unha fábrica onde o automóbil entra xa feito e sae igual".

Nacionalistas, socialistas e deputad@s de AGE criticaron con dureza que o Partido Popular continúe pola vía do "austericidio" e de seguidismo do "dogma" e "catecismo neoliberal" que só traerán "maiores recortes nos servizos públicos".

Após debullaren as súas propostas sectoriais, a portavoz do Partido Popular e deputada, Paula Prado, replicou aos grupos da oposición e bateu contra as emendas presentadas tildándoas de "caos". Asegurou Prado que foran rexeitadas por diciren unha cousa e logo "o contrario" ao tempo que cuestionou o traballo d@s deputad@s de BNG, AGE e PSdeG d@s que dixo non "gañan o salario" que perciben. Cuestión de dubidosa credibilidade ao contrapor as máis de 1000 propostas presentadas pola oposición fronte a ningunha achegada desde as filas do Partido Popular.

Comentarios