O PP impide o debate dunha moción do BNG para investigar as concesións a Vendex na Coruña

A moción do BNG propuña a constitución dunha comisión informativa especial para inspeccionar as concesións outorgadas a Vendex, grupo empresarial no centro do caso “Pokémon”.
Carlos Negreira e Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Carlos Negreira e Alberto Núñez Feijóo

O Pleno do Concello da Coruña ía abordar esta segunda feira unha moción presentada polo grupo municipal do BNG en que demandaban a creación dunha comisión informativa especial --formada por un representante de cada grupo municipal-- para investigar e inspeccionar as concesións outorgadas a Vendex, o grupo empresarial que o caso “Pokémon” sitúa no centro dunha presunta trama de corrupción. Porén, o Partido Popular aproveitou as quendas pechadas para impedir o seu debate.

A moción d@s nacionalistas pretendía que o goberno municipal fiscalizase as contas da empresa que é concesionaria de varios servizos municipais, como a ORA ou o guindastre. A lexislación vixente permite ese tipo de inspeccións.

A iniciativa rexeitada polo Partido Popular propuña investigar os procedementos administrativos de outorgamento de concesións en que resultase adxudicataria algunha das sociedades do grupo Vendex.

O Bloque reclamaba tamén a revisión das concesións da ORA e do guindastre municipal e a realización dun estudo sobre a posibilidade de recuperar a xestión pública de ambos os dous servizos, que en tres anos e medio supuxeron para as arcas municipais coruñesas un gasto de máis de dous millóns douscentos mil euros.

Comentarios