Feijóo revalida a presidencia co rexeitamento da oposición

O candidato 'popular' foi investido presidente por segunda vez esta quinta feira. A sesión parlamentar que aprobou a súa renovación como líder do executivo reflectiu que Núñez Feijóo só contará co seu grupo parlamentar, no entanto a maioría absoluta da que goza permitiulle, máis unha vez, ocupar a presidencia da Xunta de Galiza. Porén, o debate de investidura deu boa conta do ton que a oposición manterá ao longo desta lexislatura.

O líder d@s populares acusaba as demais forzas políticas con representación parlamentar --agás o seu grupo-- de empregaren o debate de investidura como se dunha sesión sobre o estado da Autonomía se tratase, e o certo é que o candidato á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo recibiu fortes críticas á súa xestión durante case tres horas de sesión, en que soamente o Partido Popular amosou o seu apoio á renovación de Feijóo como presidente.

As tres forzas políticas que compoñen a oposición, denunciaron nas súas quendas de intervención as políticas desenvolvidas durante o anterior mandato e empregaron as interpelacións para denunciaren as consecuencias sociais do modelo político e económico defendido polo executivo galego. "Vostede é cómplice dese deseño", aseguraba o voceiro do BNG, Francisco Jorquera aludindo á actual realidade europea que para @s nacionalistas "condena a Galiza á condición de periferia económica, de país dependente" e que nega, asegurou, "o dereito elemental dos galegos e das galegas a viviren e traballaren dignamente e na propia terra".

Jorquera (BNG): "Estamos perante unha crise sistémica e hai que ter a valentía de apostar por outro proxecto"

Ao igual que o portavoz nacionalista, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, denunciou que durante o seu anterior mandato, @s populares "converteron a Xunta nunha delegación do poder central do Estado, nunha correa de transmisión das decisións da metrópole estatal e o Parlamento dos galegos nunha comparsa das Cortes españolas", aseverou. Asemade, Beiras lembrou @s deputad@s do Partido Popular que mesmo Manuel Fraga Iribarne "na última etapa dos seus mandatos" lle fixera saber que tiña problemas "coa dirección do seu partido en Madrid", por tentar "rehabilitarse e exercer realmente de presidente de Galiza", dixo, mentres acusaba os membros do executivo en funcións "limitáronse a xestionar en Galiza os dictados e intereses do poder español".

Segundo Francisco Jorquera, o goberno galego non fixo senón presentarse "como alumno aplicado", afirmou, "en busca do recoñecemento da caverna madrileña". Deste xeito, o voceiro do BNG ironizaba cunha política que "nos últimos catro anos", dixo, "acelerou o proceso de destrución do noso tecido produtivo". Aliás, preguntou o nacionalista, "que fixo vostede e que vai facer para impedilo". A oposición non se creu o discurso desenvolvido por Alberto Núñez Feijóo a pasada terza feira durante a súa presentación como candidato --único-- a liderar o executivo galego; e o candidato á presidencia da Xunta tivo que escoitar en máis dunha ocasión, como lle retrucaban desde a oposición, que algúns dos seus plans para o goberno que vén non ían ser apoiados, pois aseguraba Francisco Jorquera son "políticas que rachan o contrato social e que están provocando unha auténtica fractura no seo da sociedade".

Beiras (AGE): "Converteron a Xunta nunha delegación do poder central do Estado, nunha correa de transmisión das decisións da metrópole estatal"

Neste sentido, Xosé Manuel Beiras denunciou que desde a chegada do PP a San Caetano "a acción do seu poder tornouse inmisericorde contra os cidadáns", cuestión que atribuiu "a dous furacáns que proveñen do leste" apelando ás institucións europeas e a Troika e doutra banda ao que definiu como a "xíria do chovinismo español máis reaccionario contra os valores identitarios da nación galega", sentenciou.

As duras críticas da oposición espertaron o malestar do presidenciábel que aproveitou a súa réplica para bater contra as restantes forzas parlamentares e afirmar que aquel non era "un debate sobre o estado da Autonomía" senón "de investidura", polo que non se afanou en respostar aos voceiros do BNG e AGE e si centrar a súa intervención no PSdeG. No entanto, salientou á súa formación como única capaz de ofrecer "un goberno estábel" fronte ao que denominou "un bipartito ou tripartito" ao igual que fixera o voceiro do PP, Pedro Puy quen ironizou con que algún dos alí presentes representaba "a cuarta parte da cuarta parte", en alusión á porcentaxe que cada formación.

Pola súa banda, o voceiro d@s socialistas mantivo un ton menos duro e empregou a retórica das contas públicas galegas, algo que lle daba comodidade ao candidato á presidencia da Xunta por centrar o seu programa de goberno no control do déficit e a redución da débeda pública a través de novas medidas de axuste. "Despois de oír o discurso do candidato", afirmaba Pachi Vázquez, "as súas propostas só se van traducir en máis paro, máis recesión, máis pobreza e máis destrución de servizos públicos e dereitos", denunciou o voceiro d@s socialistas quen criticou que a palabra máis empregada no discurso pronunciado a pasada terza fose "verdade".

Neste sentido, Vázquez interpelou o presidente en funsións e preguntoulle polos incumprimentos da súa lexislatura e polas sentenzas do TSXG que o executivo galego asegurou que non ía acatar, Alberto Núñez Feijóo, respondeulle na súa quenda de intervención acusándoo de que a súa formación política non deixaba mellores resultados alí onde goberna e lembroulle algúns dos índices de desemprego ou redución do gasto que levaron a cabo desde o PSdeG en Andalucía.

Vázquez (PSOE): "As contas estarán ordenadas na súa cabeza mais non no Consello de Contas, que lle deu un bo varapao"

Ao igual que xa fixera durante a campaña electoral, Núñez Feijóo defendeu a súa xestión a través da comparativa de datos entre Galiza e a media do Estado español, ao tempo que acusaba as demais forzas políticas, daquilo que non fixeran durante o bipartito. "Vostede gañou as eleccións", aseguraba Vazquez porén, afirmou que "mentres se empeñe de ser o contable de Galiza, en vez de presidente, non conte con nós". Á espera de que se desenvolvan as votacións, todo apunta a que ningunha das tres forzas políticas da oposición apoiarán a investidura de Núñez Feijóo como novo presidente da Xunta de Galiza, polo que, máis unha lexislatura, tan só contará cos votos a favor do seu grupo parlamentar.

Comentarios