O PP di "non estar satisfeito" coas cifras de desemprego mentres a oposición denuncia que son consecuencia do "austericidio"

O voceiro d@s populares, Pedro Puy, eludiu explicar por que os índices de desemprego superan as previsións feitas pola Xunta mais teima en que Galiza "está mellor que a media do Estado".

As cifras de desemprego aproxímanse ás 300.000 persoas sen traballo, nun país en que a cifra de persoas desempregadas e xubiladas supera xa a taxa de poboación activa e onde perto de 40.000 familias teñen a todos os seus membros no paro. A realidade galega foi tiltada pola deputada do BNG e voceira de emprego, Montse Prado como "dramática" e acusou "ás políticas do PP" de "non valer para nada". Aliás, @s nacionalistas denuncian que a política de control do défice están a conducir o país cara a "unha ecatombe económica" polo que urxiron a frear "o austericidio".

Malia a que o portavoz popular, Pedro Puy, recuncou en considerar que nas cifras tiradas dos últimos índices "o paro é inferior á media do Estado", o certo é que os datos coñecidos esta segunda feira reflicten unha importante desviación a respecto das previsións feitas desde o goberno galego ao recoller máis de 64.000 persoas desempregadas das que inicialmente prevía a Xunta de Galiza. Neste senso, o voceiro socialista, Abel Losada exixiu a "comparecencia urxente da conselleira de Traballo" para que explique, dixo, as razóns desta diferenza. Tamén así, socialistas e nacionalistas coincidiron en denunciar que a Xunta reduciu o défice público por debaixo da porcentaxe permitida pola UE nunha campaña de "de imaxe institucional" asegurou o socialista, Abel Losada.

Pola súa banda, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera acusou ao líder d@s populares de ser "máis papista que o Papa" e empregar a redución do défice como estratexia "para desmantelar os servizos sociais" ao pechar cunha débeda inferior en 4 décimas ao permitido.

Comentarios