O PP defende o seu modelo educativo malia as sentenzas do TSXG

Aseguran que a “liberdade e a equidade” son os principios reitores das políticas educativas do Goberno de Feijóo entrementres a oposición critica que os recortes e a discriminación rexen as medidas adoptadas polo Partido Popular nun goberno “en fraude de lei”.

Os fondos públicos destinados á privada-concertada que segrega por razón de sexo e o xa coñecido como taxazo nos comedores escolares centraron a intervención do secretario xeral da Consellaría de Educación, Cultura e ordenación Universitaria, Xesús Oitavén. Os representantes de BNG, AGE e PsdeG bateron contra o estabelecemento do repagamento nos comedores públicos e apelaron á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza –mediante as que se declaran ilegais os concertos que segregan por sexos-- para denunciaren o modelo educativo do Partido Popular. Porén, o deputado do grupo maioritario, Rodríguez González, retrucou aos grupos da oposición asegurando que “a lexitimidade a dan as urnas” fronte ás sentenzas xudiciais.

Estudar e interpretar as sentenzas
A decisión do Superior galego que invalida os concertos retomados co ensino segregacionista foi aplaudida pola oposición que exixe sexan cesados de maneira inmediata. No entanto, desde o Partido Popular defenden que os servizos xurídicos da administración galega “analicen e interpreten” o grao de alcance dos ditames ao entenderen que entra en contradicións con sentenzas anteriores promulgadas polo mesmo órgano.

Rodríguez González (PP) puxo en dúbida que a segregación por sexos constituíse un modelo educativo discriminatorio porque “ninguén obriga ás familias a ir a eses centros” onde os alumnos e as alumnas contan “coa mesma oferta educativa que os demáis”.

“As familias van de xeito voluntario a estes centros” aseverou o deputado popular entrementres apelou á “liberdade de elección” para xustificar a existencia destes centros. Aliás, afirmou con dureza que “para alén das percepcións individuais” a segregación por razón de sexo non tiña por que ser en si propio un modelo eduativo discriminatorio e mesmo asegurou que en países como “Francia, Alemaña ou Suecia haxa estes centros na rede de oferta pública”.

“En España temos un certo complexo colectivo cara este modelo” teimou Rodriguez González en defender o segregacionismo mentres os gurpos da oposición criticaban o carácter “discriminatorio e ilegal” das subvencións públicas destinadas a co-financiar estes centros. Así pois, o deputado nacionalista, Cosme Pombo exixiu o reinvestimento deses 3 millóns de euros á escola pública ao tempo que lle lembrou que o seu grupo parlamentar xa exixira a supresión destas axudas en 2009 por seren, dixo, “contrarias ao disposto na LOE”.

Aliás denunciou que mentres se destinan “240 millóns de euros á privada-concertada” o Partido Popular “recorta desde a Xunta” á escola pública. “O BNG non entende que sexa un problema de cartos senón de vontade política” denunciou o nacionalista que apelou a unha reforma fiscal progresiva –xunto con AGE e PsdeG-- para garantir os fondos destinados ao ensino público. Mais, asegurou o deputado do grupo socialista, para o PP, o importante “é que Feijóo poida gabarse das contas públicas máis saneadas ainda que os cidadáns as pasen canutas”.

"O direito dos comedores forma parte do dereito esencial ao ensino"
A aplicación dunha taxa ás familias con crianzas en idade escolar que empreguen o comedor público gravará cun tributo as rendas do traballo Malia a que desde a Xunta de Galiza argúen que a decisión procura facer “pagar máis a quen máis ten” perante unha situación que tildaron de "insostíbel", a oposición denunciou que unha familia monoparental cunha crianza en idade escolar e un soldo mensal de 1.001€ terá que pagar por un servizo que “forma parte do dereito esecial ao ensino”, nomeadamente para o rural galego onde a dispersión poboacional obriga a boa parte das familias a recorreren ao comedor escolar.

Comentarios