O PP de Viana volve usar un bando oficial para insultar o BNG

É a segunda vez que o alcalde fai uso dun edicto oficial como se dun pasquín se tratase para responder nel á postura nacionalista en contra da suba das taxas municipais. Desta volta, o rexedor aproveita para lles chamar ''parvos''. O BNG rexistrara xa en maio unha pregunta oral no Parlamento galego sobre este peculiar uso dos documentos oficiais

O alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos (PP), volveu empregar un edicto oficial a xeito de pasquín político para cargar contra o BNG e as críticas desta formación política ao redor da suba das taxas municipais. "Cando o BNG afirma que as tarifas polo uso das piscinas subiron máis dun 120% lévannos á conclusión de que ou son parvos ou dan por feito que o son os veciños", escribe o rexedor conservador, para continuar valorando que "só os lelos comprarían unha mercadoría por un ou dous euros, segundo a idade, cando a teñen de oferta por 0,66 e 1,33, respectivamente".

Colocar este bando polas paredes é a maneira do PP de dialogar coa oposición, nomeadamente co BNG, que viña de denunciar o incremento do prezo da entrada ás piscinas municipais, así como a taxa de recollida do lixo. Din @s nacionalistas que a tarifa para entrar nas instalacións da piscina supera os 2€ neste verán, fronte aos 0,99€ que a veciñanza de Viana pagaba en 2011 de teren máis de 17 anos. Secundino Fernández, voceiro da formación frontista neste concello ourensán, difundiu unha nota de resposta após a publicación do bando, que cualificou de "falso e insultante".

Xa en maio, o PP de Viana fixera público un Bando oficial sobre as mentiras do BNG --de feito, este novo vai encabezado co matiz 'Segunda parte'-- co mesmo obxectivo: arremeter contra a oposición feita por esta formación contra as políticas executadas desde o Concello. De aí que a formación nacionalista presentase no Parlamento de Galiza unha pregunta para a súa resposta oral “ante a utilización de medios e recursos públicos por parte do alcalde de Viana do Bolo para difamar o grupo municipal do BNG”. Se daquela Andrés Montesinos escollía unha cita do Conde de Romanones para concluír o pasquín, desta volta bota man dunha estrofa do Século de Ouro sobre as falsas apariencias que asinou Quevedo: "Se puede ser doncella en Granada y en Sevilla, bien preñada".

Comentarios