O PP de Pontevedra racha o pacto municipal de 2011 e perde as dedicacións exclusivas

O grupo municipal do PP racha o pacto municipal de 2011 e queda sen dúas dedicacións exclusivas e un cargo de confianza.

No pleno municipal desenvolvido a pasada segunda, levouse a debate unha moción presentada polo grupo municipal do PP na que exixía a supresión da dedicación exclusiva asignada para un dos concelleiros do BNG –a devandita dedicación viña estabelecida de acordo co pacto asinado polas tres forzas políticas con representación municipal en 2011. Ante a negativa do voceiro popular de retirar a moción e após pedírenlle as demais forzas políticas que (re)pensase a súa actitude, a equipa de goberno pontevedresa tombouna por maioría, ante o que consideran un xesto que racha o acordado en 2011. 

Pola súa banda, o goberno municipal presentou unha moción de urxencia relativa ao réxime de adicacións exclusivas da corporación, en cuxa exposición de motivos se determina que “a corporación municipal constituída tras as elección do 2011 chegou a un acordo unánime” polo que se rebaixaba o número de dedicacións exclusivas en “aras do axuste de gasto”. Mediante a moción presentada polo PP o acordo adoptado racha; xa que logo, proponse ao pleno –mentres non se adopta outra decisión-- a redución das dedicacións exclusivas do grupo popular a unha (a da portavocía) a partir do 31 de agosto; ao tempo que se elimina o cargo de confianza co que contaba a modo de “xefe de negociación”. A devandita redución supón a implantación do fixado previamente ao acordo do pasado ano.

A moción foi aprobada cos votos a favor do PsdeG-PSOE e BNG. Segundo a equipa de goberno, “emprazouse en repetidas ocasións ao grupo municipal popular a retiraren a moción e a manteren as cláusulas do acordo”, mais ante a súa negativa, a equipa decide instaurar o número de dedicacións exclusivas asignadas a cada grupo de acordo co fixado antes de ser asinado o pacto de 2011.

 

 

Comentarios