O PP ve "obsoleto" o modelo de cidade sostíbel de Pontevedra e insta a Xunta a que o bote abaixo

O grupo parlamentar da formación conservadora presenta unha proposición non de lei contra un proxecto urbanístico que mereceu ducias de premios internacionais por considerar que "dificulta o avance cara a un modelo de cidade urbana". O Concello di que o PP "quere cidades para os carros"

photo_camera Rúa peonil [Imaxe: pontevedra.eu]


A política urbanística do Concello de Pontevedra será debatida esta quinta feira no Parlamento galego. Unha proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario do PP porá en cuestión un modelo de desenvolvemento alternativo que fixo a cidade do Lérez merecedora de ducias de premios.

O último, o Intermodes 2013, Premio europeo á mobilidade outorgado por unha entidade colaboradora da UE. Considera a formación conservadora que está baseado nun planeamento de 1989 "xa obsoleto" e que "dificulta o avance da cidade cara a un modelo urbano".

"Temos unha Lei de ordenación do territorio que é allea á realidade de Galiza e está concebida para facer cidades motorizadas", queixouse o concelleiro pontevedrés con competencias na materia, César Mosquera, quen considerou que a proposición do PP para o seu debate en Comisión vai orientada "a impor que se ordenen as cidades para os carros". Di o PP no documento que presentou na Cámara galega que o PXOM fica sen rematar aínda "polo desinterese do goberno municipal". Porén, Mosquera informou de que "nós queremos facer un plan que inaugure un modelo alternativo e os choques --coa Xunta-- son brutais".

O Concello di non estar disposto "a que se destrúa outro monte para construír un hospital", en referencia ao proxecto do Goberno bipartito de ampliar o hospital de Montecelo que foi desbotado pola Xunta do PP para pór riba da mesa a proposta de máis un hospital en Monte Carrasco, en Marcón, proposta rexeitada pola veciñanza porque non cubrirá as súas necesidades, mais tamén pol@s comuneir@s e por profesionais da sanidade.

A defensa do territorio emprendida desde o goberno municipal é cualificada polo PP na súa proposición non de lei como "unha actitude obstrucionista", polo que insta a Xunta a que se dirixa ao Concello para lle lembrar a obriga de tramitar o PXOM e "de o adaptar á legalidade vixente". 

Comentarios