O PP xustifica o veto á cidadanía polas 'ameazas de morte' desde a tribuna

A deputada e voceira do PP, Paula Prado, acusa á oposición de aplausar as ameazas de morte proferidas contra o presidente desde a tribuna.

A voceira popular, Paula Prado, asegurou en comparecencia de imprensa esta cuarta feira que "os episodios vividos nestes meses no hemiciclo" xustifican a decisión adoptada pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, mediante a cal vén de impedir a entrada de convidad@s ás sesións plenarias sen o seu previo consentimento.

Prado acusa á oposición de usar "a desesperación da xente en contra do Goberno"

Segundo Prado, desde a tribuna de invitad@s téñense proferido "ameazas de morte" @s deputad@s do PP en xeral e ao presidente da Xunta de particular". A voceira popular apelou ás manifestacións desenvolvidas por persoas afectadas pola fraude das preferentes o pasado mes de decembro nas que, supostamente, un convidado do PSdeG tería advertido ás bancadas do PP que "o Miño baixará manchado de sangue" de non se dar unha solución política e colectiva á estafa financeira. Alias, Prado acusou @s representantes do Bloque Nacionalista Galego e da Alternativa Galega de Esquerda de "amosaren o seu beneplácito" perante as interpelacións que consideraron ameazas.

Neste senso, a deputada popular asegurou que o seu grupo "xa falou coa oposición en numerosas ocasións sobre este asunto", mais --acrecentou Prado-- "eles preferiron usar a desesperación da xente en contra do Goberno con accións cada vez máis esaxeradas". No entanto, en declaracións a Sermos Galiza, o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, asegura que tanto o seu grupo coma os demais representantes da oposición non chegaron nin "a recibir unha notificación formal da restrición dos convites" aprobada pola presidenta da Cámara e denunciou a presenza de "persoas convidadas polo Partido Popular" no pleno.

Jorquera: "@s deputad@s deron onte un exemplo de dignidade defendendo un Parlamento que é do pobo e non do PP"

A voceira popular inisitiu en que a medida procura "rebaixar a tensión" no Parlamento. Así as cousas, Jorquera Caselas asegura que o veto imposto á cidadanía non fai senón "acrecentar a situación de crispación" social e denuncia que o obxectivo da medida sexa "apropiarse dunha Cámara que é do pobo galego" para o que impoñen condicións de entrada que a día de hoxe, o PP segue sen aclarar.

"A saída da Cámara foi un acto político"

"A presidenta é a que debe rectificar" asegurou o voceiro nacionalista quen salientou que a ausencia d@s deputad@s do BNG --mais tamén de AGE e PSdeG-- constituíu un "acto político" no exercicio, dixo, "das nosas obrigas como representantes do pobo". Desde o PP teiman en demandar que a oposición rexeite o soldo da pasada xornada ao entender que "o traballo de deputado se fai dunha maneira moi diferente". Porén, Jorquera retruca, "isto forma parte da estratexia de desprestixio da política" desenvolvida desde o PP. "@s deputad@s deron un exemplo de dignidade" coa súa saída da Cámara como protesta, asegurando que durante toda a xornada @s representantes do BNG, AGE e PSdeG "estiveron defendendo os dereitos e os intereses do pobo" e non, ironizou, "quentando o asento".

Comentarios