O PP saca adiante só cos seus votos unha Lei de Montes ''privatizadora'' e ''incendiaria''

BNG e PSOE manifestaron o seu rexeitamento ao texto, que derroga o 57% da lei contra os incendios florestais que aprobara o bipartito e que deixa o monte galego ''ao dispor do capital financeiro''
photo_camera Momento da mobilización da Coruña contra o lume nas Fragas. Galiza Contrainfo

Cos cualificativos de "privatizadora" (BNG) e "incendiaria" (PSOE) manifestaron as dúas forzas políticas da oposición o seu rexeitamento no pleno do Parlamento a unha Lei de Montes que saíu adiante, máis unha vez, cos votos dun PP que goberna con maioría absoluta. O debate de votación xirou ao redor das implicacións que o novo texto terá nas accións de prevención e loita contra os incendios florestais, xa que a formación conservadora anulou a Lei que, sobre esta materia, aprobara na lexislatura anterior o Goberno bipartito.

A voceira de Agricultura e Montes, Tareixa Paz, queixouse da "covardía política" da que fixo gala o PP para abandonar "importantes recursos" contra os lumes, e criticou a aposta polos cultivos enerxéticos fronte unha segunda territorialización do monte galego como motor de desenvolvemento económico e a súa posta en valor.

"Non ampararemos ningunha lei que poña en risco os veciños", dixo Sonia Verdes desde as filas do PSOE, quen se sumou ás críticas de Paz para denunciar que "vostedes están a cargarse a lei de prevención sen criterio técnico", xa que a norma que esta terza saíu adiante derroga o 57% da lei de incendios do bipartito. "Esta lei permite que ao pé da miña casa, onde hai un pequeno grupo de vivendas que non está delimitado como núcleo rural, unha empresa poida plantar eucaliptos a menos de 50 metros", denunciou Verdes, quen se referiu ao lume que calcinou as Fragas do Eume para lembrar á Xunta que "alí onde os veciños loitaron sós contra as lapas, poden plantarse agora superficies de máis de 50 hectáreas a menos de 50 metros das casas".

Unha lei contra os lumes que o PP nunca acatou
Por suposto, o PP saíu en defensa da norma que aprobou en solitario. A deputada Emma Álvarez cualificou o texto de "histórico", ao ser o primeiro en 30 anos, e dixo que o que se intentaba era "clarificar os distintos usos" das terras, e non dixo nada sobre a loita contra os lumes. Voltando ás bancadas do BNG, Tareixa Paz acusou a formación convervadora de deixar o monte galego "ao dispor do capital financeiro", e recalcou a negativa do PP a procurar un consenso na redacción da nova Lei, informando de que no Consello Florestal de Galiza houbo posicionamentos en contra, aínda que a formación conservadora "siga afirmando a boa disposición coa que foi aceptado o novo proxecto lexislativo".

Criticou tamén a nacionalista a "vulneración" e a "obxección de conciencia activa" á que o PP someteu a lei de incendios que herdara da lexislatura anterior desde o momento mesmo de pisar a Xunta, e acusouno de pretender, "a través de medidas lexislativas" a florestación de terras agrarias, ao derrogaren un artigo da Lei de Prevención de Incendios Forestais relativo á defensa dos solos urbanos e núcleos rurais, labradío, pastos, prados e cultivos, a partir de agora e coa aprobación da Lei de Montes, manifestou, "estas zonas, con independencia da súa cualificación, poderán ser repoboadas".

Comentarios