O PP afirma que na Galiza non houbo recortes senón “pequenos axustes”

O voceiro parlamentario popular, Pedro Puy, anuncia que teñen a “maquinaria preparada” para as eleccións autonómicas
A Xunta dos recortes
photo_camera A Xunta dos recortes

As palabras non son inocentes. É o que teñen, que comunican. Por iso a utilización dunha ou doutra non é neutral. Sábeo ben Pedro Puy, voceiro parlamentario do PP, que nunha entrevista nesta fin de semana na cadea SER asegurou que “grazas á boa xestión” do goberno galego, “con Núñez Feijóo á frente”, na Galiza "non se pode prácticamente" falar de recortes "senon de simplemente pequenos axustes" para cumprir cos obxectivos de déficit.

Puy asegura que a Galiza, conta cunha economía "saneada" (os datos da EPA cifran en 267.000 as persoas desempregadas no noso país), polo que debe de estar "a carón do Estado" á hora de exixir a outras comunidades que cumpran co criterio de déficit fixado.

Preguntado polos 69 millóns que terá que recortar Galiza e as sús consecuencias, Puy  insistiu en que supón "unha porcentaxe moi reducida”. Tamén afirmou que a sociedade "debe pensar mellor “os seus investimentos e o seu compromiso de gasto".

Por último, Pedro Puy publicitou que "a maquinaria electoral" do PPdeG "está xa perfectamente preparada" para afrontar as eleccións autonómicas, aínda que Núñez Feijóo asegura reiteradamente que fixar data para os vindeiros comicios (que tocarían en 2013) non está na súa axenda.

Comentarios