Xácome perde o seu principal opositor no seo de Democracia Ourensá

Miguel Caride renuncia aos seus cargos no Concello e a Deputación após o anuncio doutros compañeiros de crear un novo partido político, Coalición de Centro Democrático de Ourense. O anuncio parece reforzar a figura do alcalde da cidade.
O ex edil Miguel Caride, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex edil Miguel Caride, nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O ex concelleiro de Democracia Ourensá (DO), Miguel Caride, que liderou o grupo de concelleiros críticos do partido, expulsados por denunciar presuntos movementos sospeitosos do alcalde da cidade e líder de DO, Gonzalo Pérez Xácome, cos fondos da formación, vén de dimitar. Así transcendeu esta quinta feira, mais a pesar da enemistade manifesta co rexedor este limitouse a comunicar a nova no seu perfil nas redes sociais.

Malia que Xácome ten que enfrontarse a unha declaración como investigado por presunta malversación de fondos, a retirada de Caride da política -agora era edil non adscrito do municipio- parece reforzar a figura de Xácome.

Caride presentou a súa renuncia á acta de concelleiro, pero tamén ao posto de deputado provincial pois un cargo vai aparellado o outro.

Até o momento, Caride estaba no grupo de non adscritos logo da expulsión de Democracia Ourensá con varias compañeiras e compañeiros por ter un discurso crítico co líder do mesmo.

Agora, escasos días despois de que tres deses edís cos que compartía espazo anunciaran a creación da Coalición de Centro Democrático de Ourense (coa que queren concorrer ás próximas eleccións municipais), o xa ex concelleiro deslígase do proxecto e fecha esta etapa na política.

Sen "motivo algún" para continuar

Afirmou que era unha idea que tiña e que fora pospoñendo "por distintas circunstancias", se ben considera que neste momento carece "de motivo algún" para continuar.

"Dada a miña situación actual xa non podo achegar nin á cidade nin á provincia, carecendo de sentido manter os cargos de concelleiro e deputado provincial", engadiu.

Con este anuncio pon fin a unha traxectoria que foi de máis a menos; durante anos estivo ligado politicamente ao actual rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Xácome. Con todo nos últimos meses non tiña competencias delegadas no concello ao separarse do seo de DO e na Deputación deixou de ser chave.

Primeiras reaccións

Así as cousas, as reaccións non se fixeron esperar. O primeiro en tratar o tema foi o concelleiro de Cidadáns, José Araújo, asegurando "respecto total" á decisión que considera "que chega tarde pero dálle dignidade" porque "se non sentía a gusto pero entrega a acta é de destacar". "Creo que os demais concelleiros que se pasaron ao grupo de tránsfugas deberían tomar nota", apuntou.

Os socialistas foron máis críticos, ao considerar que "a situación coa dimisión de Miguel Caride como deputado provincial complícase aínda máis". "Que vai suceder? Ten enfrontamentos permanentes co Partido Popular", cuestionan desde o grupo municipal.

Comentarios