Espimos os programas electorais

O peto tamén vota

Galiza ten dos salarios e pensións máis baixas do Estado español. Unha realidade que coñecen ben centos de miles de galegos e galegas. Que propoñen ao respecto as diferentes candidaturas ás xerais do 28 de abril?

1512066961_038332_1512067352_noticia_normal

Galiza ten dos salarios e pensións máis baixas do Estado español. Unha realidade que coñecen ben centos de miles de galegos e galegas. Que propoñen ao respecto as diferentes candidaturas ás xerais do 28 de abril?

Un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo. Este grupo aumentou en 5 puntos desde 2009. O de ingresos inferiores á metade do SMI supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000  traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego. Ademais, o salario medio galego é 800 euros anuais máis baixo que o español e 25% inferior ao medio na Unión Europea.

No que atinxe ás pensións, temos as segundas máis baixas de todo o Estado. Ourense e Lugo son as dúas provincias do Estado español coas pensións medias máis baixas. Non chegan a 800 euros: 721 de media en Ourense e 743 en Lugo. Só a andaluza Almería fica tamén por baixo deses 800 euros, se ben cunha cantidade superior ás dúas galegas (797 euros). As prestacións sociais son as principais fontes de ingresos en oito comarcas galegas.

BNG: Salarios e pensións dignas

O programa do BNG contempla una “valorización real dos salarios e as pensións”, para recuperar o perdido nestes anos de crise. Apostan en elevar progresivamente o Salario Mínimo Interprofesional e a pensión mínima (que deberá coincidir con este) a comezar pola súa equiparación até 60% do Salario Medio. “A súa revalorización debe estar garantida co IPC”, indica a formación nacionalista, que tamén está pola derrogación inmediata das últimas contrarreformas laborais, da negociación colectiva e das pensións.

Reducir a xornada laboral a 35 horas sen redución de salario, estabelecer a remuneración -co salario mínimo interprofesional- dos contratos formativos e de prácticas ou mellorar as pensións do nivel contributivo e non contributivo da Seguranza Social e do réxime especial, son outras propostas contempladas no programa do BNG.

En Marea: rematar coa pobreza laboral

En Marea contempla nas súas medidas electorais o ter “salarios suficientes para rematar coa pobreza laboral e un reparto equilibrado da renda que combata a desigualdade”.

Asumen no programa, ademais, "o compromiso coa premisa de igual salario por traballo de igual valor” e o compromiso de loitar contra a fenda de xénero tanto en pensións como na cuestión salarial.

En Común- Unidas Podemos: Elevar salario mínimo e fixar un tope para o máximo

A reforma do sistema de pensións de cara a garantir “pensións dignas, frear a perda de poder adquisitivo das persoas pensionistas” é un dos compromisos do programa de En Común-Unidas Podemos. Fala de estabelecer por lei a obriga de actualizar as pensións conforme á subida do IPC e mesmo de “blindar esta garantía fixándoa na Constitución Española”.

“O salario debe permitirnos vivir con dignidade. Regulación da xornada laboral en 34 horas semanais, sen redución do salario”, manifestan, ao tempo que avogan por un Salario Mínimo Interprofesional de 1.200 euros ao mes en 14 pagas. En Común-Unidas Podemos quer fixar tamén un límite máximo para os salarios, tanto na empresa pública como na privada: “Será unha cantidade equivalente a 10 veces as retribucións totais que perciba a persoa de salario máis baixo”.

PSOE: retomar o Pacto de Toledo 

O PSOE comprométese a aumentar “gradualmente” o SMI de acordo co disposto na Carta Social de Europea e avoga por una “reforma do sistema público de pensións”. A formación socialista quer, neste sentido, lograr “o maior consenso posíbel”, polo que se propoñen retomar “o Pacto de Toledo”.

No programa electoral falan de eliminar o actual Índice de Revalorización e de que as pensións se actualizarán anualmente co IPC real, aumentando en maior medida as pensións mínimas e non contributivas”.

PP: Plans privados de pensións e sen referencia aos salarios

O Partido Popular non fai referencia aos salarios no seu programa electoral, Quizás para evitar metidas de zoca como a do seu presidente Pablo Casado cando dixo que ía rebaixar o salario mínimo.

Si fala das pensións e para facer dúas propostas. A primeira, que sexa compatíbel a percepción dunha porcentaxe “ascendente” de xubilación co desenvolvemento dunha actividade laboral ou profesional. A segunda, para potenciar e ampliar o peso dos “plans de empresa e plans voluntarios de pensións”, á marxe do sistema público.

Ciudadanos: adeus ao complemento para os salarios máis baixos

No programa electoral para o 28A xa non figura o que hai apenas uns anos fora una das medidas estrelas dos de Albert Rivera: estabelecer un complemento para completar aqueles salarios máis baixos e que así puidesen permitir una “vida digna”. Non hai rastro desa proposta nas medidas e compromisos para estes comicios.

A respecto das pensións, Ciudadanos fala de “recuperar o Pacto de Toledo para acabar co que cualifica de “mercadeo” con estas prestación e propón facer compatíbel traballar e cobrar 100% da pensión.

Comentarios