O PP rexeita que Feijóo compareza no Parlamento a respecto da fusión das caixas

Antonio Rodríguez Miranda louba a xestión de Mariano Rajoy no seu primeiro ano de goberno e asegura que o Partido Popular cumpre as súas promesas electorais após presentar a solicitude de creación da comisión de investigación das caixas.
Rodríguez Miranda
photo_camera Rodríguez Miranda

O voceiro do Partido Popular, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou en conferencia de imprensa esta terza que a solicitude rexistrada polo grupo parlamentar popular para a creación da comisión de investigación das caixas reflicte "o interese do PP" neste sentido e a vontade do seu partido por "cumprir co prometido". Segundo Miranda, o retraso na súa creación debeuse á intención de que a comisión "non interferise no proceso de recapitalización" de NGB, porén, vai máis dun ano que os grupos da oposición demandaban a súa constitución no Parlamento de Galiza.

Rodríguez Miranda avanzou que as comparecencias perante a comisión deberán ser decididas polo propio organismo após se constitúa e aprobe un plan de traballo. Deste xeito, o voceiro 'popular' respondía @s deputad@s socialistas que demandaban esta mesma terza, a comparecencia 'urxente' do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, para explicar a súa responsabilidade no proceso de fusión das caixas galegas. Neste sentido, Miranda respondeu cun "a boas horas mangas verdes" á petición socialista da que dixo "só quere facer ruído" e procurar "protagonismo". Así as cousas, será a vontade d@s deputad@s do PP a que determine en última instancia que persoas comparecerán perante a comisión, valéndose da maioría absoluta con que contan na Cámara.

Miranda, salientou que afrontan a creación da comisión "sen apriorismos", porén, non descartou que por ela pasen anteriores presidentes do executivo galego como, Emilio Pérez Touriño, pois dixo, o "cumio" das responsabilidades sob as caixas "coincidiu co bipartito". Tamén así, o voceiro popular asegurou que o Banco central español "errou" nas súas funcións ao non velar pola transparencia do proceso de fusión.

A respecto das indemnizacións investigadas pola Audiencia Nacional, Miranda aseverou que foran contrarias "ao criterio do Partido Popular" polo que tamén serán analizadas pola comisión parlamentar.

Un ano de goberno Rajoy

Antonio Rodríguez Miranda avaliou o primeiro ano de mandato do presidente español, Mariano Rajoy de quen dixo "fixo unha xestión adecuada" da crise, mesmo con aquelas decisións "difíciles" mais "absolutamente necesarias", asegurou. O voceiro d@s populares galeg@s loubou o goberno de Rajoy e bateu de novo contra "o herdo recibido do período anterior" para xustificar moitas das medidas aprobadas ao longo deste ano. Aliás, asegurou que "para Galiza", o goberno español "é un aliado".

A imputación de López Orozco

Preguntado pol@s xornalistas a respecto do acontecido en Lugo, Rodríguez Miranda asegurou que o seu partido --que conta con 11 escanos na cidade amurallada-- "respecta a presunción de inocencia" mais pediu que Pachi Vázquez se posicionase sobre a imputación de López Orozco e asegurou que este, debería pedir a demisión do alcalde lugués.

Comentarios