O Parlamento non tramitará a lei de dación en pagamento porque o PP di que non é necesaria

Fai uso da maioría na Cámara galega para tombar a iniciativa contra as execucións hipotecarias achegada polo BNG e apoiada polo PSOE. @s conservador@s din que o código de boas prácticas para as entidades bancarias impulsado polo Goberno español xa é suficiente

Máis unha vez, a maioría do PP botou abaixo unha proposta da oposición no Parlamento galego. Desta volta, @s conservador@s rexeitaron a toma en consideración da iniciativa do BNG para reclamar no Congreso español reformas lexislativas que posibiliten a dación en pagamento, ao argumentar que a execución hipotecaria "exceden o ámbito desta Cámara" e que o proxecto de lei de vivenda, en fase de tramitación, "contempla xa medidas para paliar os efectos da crise sobre os galegos en dificultades". O voto en contra o PP no primeiro trámite da iniciativa imposibilita o debate no Congreso.

A deputada nacionalista e voceira de Vivenda, Isabel Sánchez, defendeu a proposición de lei no pleno, destacando que nos últimos catro anos as execucións de hipotecas subiron nun 186% e foron máis de 8.000 familias as que se viron afectadas. No que vai de ano van xa 1.400 execucións. "É un panorama absolutamente demoledor", valorou Sánchez. "Os bancos lucráronse coa burbulla inmobiliaria e agora queren trasladar o problema á sociedade", queixóuse a nacionalista, adiantando que o rescate á banca traerá canda si "recortes orzamentarios e nos servizos". Sobre o RD que contempla a dación en pagamento para saldar as contas co banco, a deputada do BNG cualificouno como unha medida que procura "aparentar que se conceden dereitos", pois os requisitos que se exixen son tantos que beneficia a poucas persoas.

A nacionalista asegurou, que a "rixidez do marco procesual" non admite analizar alternativas diferentes ao pagamento da débeda vencida como a "entrega da vivenda como pago da débeda contraída". Nesta liña, Sánchez defendeu "a dación de pago para a cancelación da totalidade da débeda hipotecaria no caso de debedores de boa fe" asumindo a entidade financeira a perda de valor do inmoble que taxou cun "valor máis alto do real".

Pola súa banda, a ex conselleira e deputada do PSOE María José Caride mostrou o apoio do seu grupo parlamentar á idea de procurar alternativas nun panorama que considerou "de extrema dificultade para moitas familias que non son responsábeis da crise". E cadrou tamén coa interpretación do BNG na liña de que "nun exercicio de marketing" o Goberno español aprobou un código de boas prácticas para a dación en pagamento cuxa aplicación real fica suxeita á arbitrariedade das entidades bancarias.

Comentarios