A oposición ve "cinismo" no 'paripé' do PP coas preferentes

Após votar a favor e en contra nun mesmo día, o grupo maioritario da Cámara apoia unha emenda para "ratificar" o seu "non" á quita

Manifestación contra a quita
photo_camera Manifestación contra a quita

"Cinismo" político. Así consideraron os grupos de BNG e AGE a actitude do Partido Popular a respeito das persoas estafadas polo calote das preferentes. Após apoiaren a toma en consideración dunha Proposición de lei presentada polo Bloque en que se exixía a revogación da quita, @s deputad@s populares rexeitaron unha iniciativa semellante formulada pol@s nacionalistas no Congreso español. 

"Traen ao Parlamento galego unha proposición sobre a que esta Cámara non ten competencias", afirmou o presidente da Xunta na sesión de control ao Goberno celebrada esta cuarta feira no Hórreo. A aseveración era a resposta de Núñez Feijóo ás críticas deitadas polo porta-voz do Bloque, Francisco Jorquera, que o acusou de facer "o paripé" ao rexeitar a quita na Galiza e logo votar a favor da mesma en Madrid. 

@s populares apoiaron unha emenda do PSdeG para ratificar o non á quita após votar a favor dela en Madrid

O líder do executivo galego dáballe a volta á torta e acusaba o voceiro nacionalista de ser el quen facía o "paripé" por traer á Cámara galega unha iniciativa da que sabía o lexislativo "non ten competencias". As declaracións do presidente valéronlle os apupos das bancadas da oposición. "Traizooulle o subconsciente" espetoulle Jorquera "vostede vota a favor onde non hai competencias e en contra onde si as hai". Unha actitude que para o nacionalista "non ten explicación". 

Malia as incoherencias do Partido Popular en relación coas perdas que están abocad@s a asumir @s estafad@s polas particpacións preferentes e subordinadas, @s populares veñen de aprobar --xunto c@s deputad@s do PSdeG-- a elaboración dun informe mensal sobre os procedementos de arbitraxe actualmente en curso. 

BNG e AGE acusan ao PP de "cinismo" polas súas "incoherencias" en relación ás preferentes

Segundo o líder do executivo, nas vindeiras semanas máis de 20.000 persoas recuperarán "o 100% dos seus aforros" a través deste mecanismo do que a Xunta se ten gabado en numerosas ocasións, mais no que as persoas estafadas asumen a devolución dunha contía inferior á realmente investida. Na arbitraxe, é a entidade financeira a que admite ou non a trámite os casos solicitados --non tendo obriga de aceptar todas as solicitudes presentadas-- e determina se na devolución se inclúen ou non os intereses do diñeiro investido --o que, en xeral, representa perdas para @s aforrador@s.

Comentarios