O novo PXOUM da Coruña xa é oficial malia non ter sido debatida a súa versión final polo Pleno

Após a súa publicación no BOP, o novo plan urbanístico da cidade entrará en vigor en dúas semanas a pesar de que a oposición quere se debata en plenario. O Bloque afirma que está “feito en función dos intereses das grandes promotoras”, critica que tamén comparten @s arquitect@s

Coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, o Plan Xeral de Ordenación Urbanística Municipal da Coruña deu o último paso antes de entrar en vigor en dúas semanas, malia que desde o concello aseguraran nun principio que o faría xa ao día seguinte.

Así, remata un proceso polémico e inzado de críticas que agora aumentan xa que a oposición amosa o seu rexeitamento ao feito de que a versión definitiva do PXOUM non vaia a votación no Pleno a pesar de que se celebra un este xoves. Sería aprobado pola maioría do PP, pero con esta actuación négase o debate público sobre unha cuestión de inmenso calado para a cidade. 

Especialmente contundente na crítica sobre esta cuestión é o BNG. “O alcalde Negreira négase a levar o texto refundido do Plan Xeral a Pleno para non evidenciar a súa tramitación sumamente chapuceira. As présas levárono a cometer erros que lle tivo que corrixir a Xunta de Galiza”, afirman @s nacionalistas, que engaden que “o PP non quere que se evidencie que o PXOUM está feito só para gusto e interese económico das grandes promotoras, amigas do Goberno de Negreira, e que se arreda das necesidades reais da cidade e da súa veciñanza”. 

Tamén se amosou en contra do Plan Xeral o Colexio de Arquitectos da Coruña. Segundo o seu presidente, Carlos Pita, “mantén un impulso construtor propio da burbulla inmobiliaria”. Pola súa parte, o PP afirma que será “motor de crecemento”. 

Comentarios