O Museo de Pontevedra en perigo como organismo autónomo

A Deputación de Pontevedra anunciou a pasada semana a desaparición do Museo Provincial como organismo autónomo e a eliminación do seu órgano reitor. Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, vén de instar a Louzán, presidente da Deputación e do Padroado provincial, a reunírense co obxectivo de atoparen conxuntamente, unha “solución satisfactoria para a supervivencia do Museo”.

Sermos Galiza avanzaba a pasada sexta na súa edición en papel, o control político exercido pola Deputación provincial sobre o Museo de Pontevedra, o anuncio da súa desaparición como ente autónomo, así como a conversión da sala nobre -espazo destinado á exposición de pezas arqueolóxicas, nun restaurante. Así mesmo, distintos movementos sociais denunciaban a redución dos horarios da biblioteca, a supresión de fondos de arquivo ou o ataque aos seus puntos fortes, tales como o fomento da investigación.

Ante tan grave situación, o Concello de Pontevedra a través do seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de convidar co envío dunha misiva a Rafael Louzán, Presidente da Deputación e do Padroado provincial, a unha xuntanza a vindeira sexta, 29 de xuño, para trataren a disolución do Padroado do Museo. Nunha carta aberta anterior, enviada ao presidente da Deputación, Lores entendía que a decisión adoptada por Louzán non se correspondía coa súa traxectoria senón que provén do “o asesoramento e presión de quen non lle quere ao Museo ”. Como antigo membro do Padroado, Fernández Lores agarda chegar a unha solución conxunta que garanta a supervivencia do Museo na súa forma xurídica orixinal. O alcalde, irá á xuntanza acompañado doutros patróns e Amigos do Museo.

Segundo fontes do Concello, a xuntanza posúe un carácter de urxencia pois o Presidente da Deputación solicitará a disolución da institución como ente autónomo con personalidade xurídica propia, no vindeiro Pleno da Corporación Provincial, 29 de xuño.

“En defensa do Museo de Pontevedra”

Personalidades da cultura enviaron hoxe ao Concello de Pontevedra, como patrono do Museo e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, un escrito polo que socilitan a devanditas institucións, o mantemento do Museo como organismo autónomo, o cese das interferencias políticas na xestión e a reactivación do mesmo, como institución cultural e científica.
Entre @s asinantes do manifesto atópanse personalidades da cultura como, Fernando Martínez Vilanova Catedrático de Debuxo; Ramón Regueira.Catedrático de Filosofía; Engracia Vidal Promotora da Revista "Encrucillada”; Xosé Abilleira Sanmartín, Presidente da Asociación Cultural Maio Longo; Francisco Carballo, Historiador e teólogo e Andrés Torres Queiruga, Teólogo e escritor.

O Museo Provincial foi creado en 1927 por persoeiros tan ilustres como Castelao, Casto Sampedro, Daniel de la Sota, Losada Diéguez ou Filgueira Valverde, e conta cunha importante colección de pezas artísticas entre as que se atopan pinturas, documentos históricos, esculturas, debuxos, gravados, xoias, moedas e instrumentos musicais. Asemade, abrangue un longo percorrido histórico nos seus fondos, dende pezas prehistóricas até unha colección de arte galega pertencente a autoras-es da diáspora como Maruja Mallo ou o propio Castelao.

Comentarios