Os tribunais fallan contra o goberno de Negreira

Após coñecermos os ditames da Xunta Electoral contra o goberno de Núñez Feijóo o Xulgado número 1 da Coruña, vén de emitir unha sentenza contra o goberno municipal da Coruña, liderado polo "popular" Carlos Negreira. 

O concelleiro nacionalista, Xoán Caxigal, demandou o pasado mes de marzo ao concello da Coruña por lle impedir acceder a un expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano. Na notificación remitida pola administración local como resposta á súa petición, a corporación municipal denegaba a información argüíndo que non se remitirían documentos que non fosen “expresamente autorizados polo alcalde”, así como desestimou a petición por “conter datos persoais ou sensíbeis que deben ser obxecto de especial protección”, referidos á empresa concesionaria.

Aliás, a notificación concluía emprazando o concelleiro nacionalista a continuar coa súa reclamación a través da interposición dun recurso contencioso – administrativo perante o Xulgado nº1 da cidade.

O xulgado falla contra o goberno de Negreira
Após cinco meses de tramitación, o xulgado coruñés estimou o recurso presentado polo edil do BNG e determina na súa sentenza que a “denegación dos datos solicitados pode constituír unha infracción do dereito fundamental a participar nos asuntos públicos” de acordo co disposto no artigo 23 da Constitución española. Así mesmo, o Ministerio Fiscal considera que a denegación da información solicitada por mor da suposta existencia duns datos de carácter privado incorre na vulneración dos dereitos de Caxigal e entende que non existen motivos para ocultar información recollida xa “no rexistro mercantil” e, por tanto, de carácter público.

O tribunal considera a actitude da corporación "unha infracción do dereito fundamental a participar nos asuntos públicos”

A este respecto, o Ministerio lembra ao Concello da Coruña que o acceso á información daquelas persoas que desenvolven cargos públicos debe estenderse a todas as actividades municipais sen que existan “espazos exentos á mesma”.

Así pois, o xulgado estima a demanda presentada por Xoán Caxigal e orbriga á corporación municipal a achegar “sen dilación” a información solicitada polo concelleiro nacionalista, ao entender que a negativa do Concello supón unha “infracción do artigo 23 da Constitución española” e por se vulnerar “un dereito fundamental do recorrente”. Asemade, a sentenza publicada impón as costas procesuais á administración demandada.

"Seguiremos a facer o noso traballo"

O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, asegurou esta terza en conferencia de prensa que o seu grupo continuaría exercendo "os nosos dereitos recoñecidos legalmente" e retrucou ao goberno de Negreira aseverando que "a un partido ao que se lle enchía a boca falando de transparencia" vén de recibir un "tirón de orellas por parte dos tribunais". 

Comentarios