Miguel Anxo F. Lores, alcalde de Pontevedra

"O mellor aínda está por vir"

O candidato á Alcaldía de Pontevedra polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, apenas necesita presentación. O proxecto que encabeza é coñecido ao longo do planeta. E non só. Entre os recoñecementos ao seu traballo atópase o premio da ONU-Hábitat, un premio á excelencia do modelo de cidade. As enquisas sitúan o Bloque en Pontevedra a piques de lograr a maioría absoluta. Responde este cuestionario por correo electrónico.

Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores

Que valoración fai do seu mandato?

Moi boa porque Pontevedra, co impulso do Concello, conseguiu situarse nos máis altos estándares de calidade urbana xestionando ducias de grandes e pequenos proxectos, todos eles importantes para os veciños; implementando o tratamento dos biorresiduos; apoiando os sectores produtivos da cidade que é cara onde queremos que creza Pontevedra; promovendo moitos eventos deportivos, un sinal de identidade da cidade e do Goberno, como se puido comprobar hai uns días co éxito indiscutíbel dos campionatos do mundo de tríatlon que tiveron selo galego coas vitorias de Javier Gómez Noya e Pablo Dapena.

De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?

É difícil escoller porque son moitas as accións que se teñen feito nestes catro anos en todas as áreas do Concello. Tal vez me quede coa exitosa e dificultosa licitación e adxudicación do contrato da auga, que lle reportará á cidade un investimento de máis de 66 millóns de euros en melloras para os vindeiros 3 anos. Completar todo o saneamento do rural e comezar a estender a rede de auga potábel ás parroquias do sur do concello son algunhas das importantes melloras que se poderán executar con este contrato. E iso que non deixou de haber atrancos polo camiño postos por axentes externos que querían influír nunha adxudicación que foi impecábel.

Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?

As dificultades habituais da tramitación administrativa nun Concello, tal vez acentuada pola nova Lei de Contratos que soubemos implementar e agora toda a maquinaria administrativa está perfectamente engraxada; ou a lexislación estatal vinculada á normativa económica que parece pór máis paus nas rodas que facilitar a xestións municipais. Tamén se percibiu un retroceso nas relacións coa Xunta. Parecían normalizadas -cando menos- de feito permitiu desbloquear proxectos tan importantes para Pontevedra e para toda a comarca coma a ampliación do Hospital Montecelo, pero agora volvemos á vella práctica de cartearnos pola prensa.

Como valora o papel da oposición?

A primeiros de mandato, a oposición tivo unha actuación en bloque, capitaneada, en certos momentos, polo Partido Popular que o único que pretendía era pór atrancos para que non saísen asuntos tan importantes como os orzamentos. Ultimamente cada un tiraba para o seu lado, totalmente desdebuxada e sen propostas para Pontevedra. Eu estiven 12 anos na oposición e considero que é moi importante pasar por aí para coñecer ben o funcionamento do Concello; e para un Goberno é moi importante ter unha oposición con coñecemento da cidade que faga suxestións ao Goberno. Nada de nada.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

O Concello de Pontevedra, ao igual que o resto de concellos de toda Galiza, precisa estar ben financiado. Somos a administración máis próxima ao cidadán e a que recibimos a maior parte das peticións. Habería que empezar a inverter esta situación se, realmente, queremos concellos fortes, con capacidade de xestión.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?

Realmente, levamos impulsado un montón de proxectos durante estes catro anos, desde obras de gran transcendencia na cidade até delegacións comerciais para promover Pontevedra e as súas empresas. Seguiremos mantendo o ritmo da reforma dos espazos públicos do Concello con proxectos que xa están en licitación e outros que temos en carteira; continuaremos implantando a compostaxe en todo o Concello e impulsaremos un modo de transporte novidoso en toda Galiza: o transporte a demanda; chegar a todo o rural e ao resto de barrios; manteremos o nivel das actividades culturais e festivas que xa sitúan a Pontevedra como referente galego en determinadas citas anuais; seguiremos promovendo grandes eventos deportivos que xa temos programados ou seguir recibindo os retornos do posicionamento internacional do modelo de cidade, porque temos claro que o mellor aínda está por vir.

Comentarios