O herdeiro de Esperanza Aguirre pide que se censuren fotos como a de Feijóo co narco

O sector de Aguirre tamén quer saír no foco. Ignacio González, herdeiro de Esperanza Aguirre no trono madrileño, defendeu nunha entrevista radiofónica que se estabelezan "límites" á publicación de fotografías como a publicada por El País con Feijóo e Dorado como protagonistas.

Un gobernante democrático sae á palestra para defender a mordaza nos meios de comunicación. Así está o patio na capital do estado. Quen o fai é o número dous de Aguirre en Madrid, actual presidente.

Baixo o seu ponto de vista, a publicación de fotos como a do presidente na súa serodia mocidade (tiña 34 anos) e o contrabandista-narcotraficante non engade nada (debe ser do ponto de vista informativo) porque non ten relevancia penal.

"Estamos a chegar a unha situación en que todo vale a efeitos da publicación en meios de comunicación", dixo. Valoriza que a publicación das imaxes "estalle a produdir un dano social en medio da opinión pública" por factos que, na súa opinión, "non teñen a ver coas súas responsabilidades políticas". "Non é aceitábel nen admisíbel, ten de haber un límite", teimou.

Curiosa teoría esta, segundo a cal ou hai materia de delito ou os meios se teñen que abster de publicar determinado material, embora ese material tivese levado a un dos seus protagonistas, Feijóo, a amagar coa súa demisión en 2003.

Comentarios