A Deputación de Lugo cancelará as contas en NGB se non devolve os aforros @s estafad@s polas preferentes

Así o anunciou o seu vice-presidente, o nacionalista Mario Outeiro, que instará ao Partido Popular a vindeira terza a apoiar a decisión coa que pretenden denunciar "esta estafa millonaria"

Mario Outeiro, vice-presidente da Deputación de Lugo
photo_camera Mario Outeiro, vice-presidente da Deputación de Lugo

BNG e PSdeG acordaron requerir a NovaGalicia Banco que reintegre os seus aforros aos centos de persoas vítimas da estafa das participacións preferentes e subordinadas. Así, levarán ao pleno da Deputación --que terá lugar a vindeira terza feira (25 de xuño)-- unha iniciativa coa que instarán á entidade financeira a devolver integramente os aforros secuestrados ou, do contrario, a institución "procederá a cancelar os acordos vixentes" con NGB, afirmou Outeiro. 

Con esta medida, que xa foi levada a cabo no Concello de Pontevedra, nacionalistas e socialistas queren deixar claro que non son "cómplices dun Goberno como o de Mariano Rajoy que, a través do Ministerio de Economía, do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e dos reais decretos lei avalados pola maioría absoluta do Partido Popular no Congreso e o Senado, está a ser coautor desta estafa millonaria.” 

Así, instarán ao grupo popular a se sumar á proposta que, asemade, instará á Xunta e ao Goberno español a derrogar o Real Decreto polo que se impón a quita e a manter aberto o procedemento de arbitraxe como vía para que @s estafad@s poidan recuperar o seu diñeiro xa que, asegurou o nacionalista "aínda están atrapados ao redor de 1.500 millóns de euros".

Comentarios