O goberno español recorre perante os tribunais o plus de produtividade de Pontevedra ás e aos traballador@s

A Delegación do goberno español en Galiza presentará un recurso xudicial, que elabora Avogacía do Estado, contra o concello pontevedrés por pagar un complemento de produtividade ao funcionariado, compensando a supresión da paga extra de Nadal.
Pontevedra

O ministro Cristóbal Montoro anunciábao hai uns días ao afirmar que as administracións que teimen en compensar a paga extraordinaria suprimida polo goberno do estado incorren nun "delito de prevaricación". Paso seguido, desde a Delegación do goberno en Galiza anunciouse que presentará un recurso xudicial contra o concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, por pagar un complemento de produtividade aos traballadores e ás traballadoras, compensando a supresión da paga extra de Nadal.

O subdelegado do goberno, Antonio Coello, afirmou que "sempre estivo decidido recorrer as pagas extra do concello de Pontevedra" e sinalou que "as normas son as que son" e que serán os tribunais os que decidan.

O concello de Pontevedra aprobou en pleno, cos votos de BNG e PSOE, abonar un complemento á produtividade, que recibirán 474 traballador@s, compensando así a paga extra de Nadal suspendida por decisión do executivo central. 

Insubmisión a políticas inxustas

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, xa sinalou que non temen o recurso prantexado polo goberno español e defendeu que se pague o complemento de produtividade. "Nós facemos unha política insubmisa e rebelde contra unha decisión do Goberno do PP que consideramos inxusta, e facémolo sendo conscientes das súas posibles consecuencias".

Para o rexedor do BNG, o recurso impulsado polo executivo central enmárcase "na liña do PP de "perseguir os que defendemos os traballadores e a sociedade en xeral", entrementres non actúan igual cos "verdadeiros responsábeis da crise".

A raíz da supresión da paga extra, o BNG anunciou que, na medida en que as posibilidades o permitisen, os concellos gobernados pola fronte nacionalista aboarían esta paga ou ben complementos compensatorios.

Comentarios