O goberno español prevé a redución dos partidos xudiciais a un por provincia

A proposta recolle a supresión da actual demarcación da planta xudicial e a fixación dun modelo que reforza "a provincia como unidade administrativa". Desde o BNG denuncian que a medida responde a un "modelo territorial centralista" que "afasta a xustiza da cidadanía" e vulnera "o dereito á tutela xudicial efectiva"

As deputadas Tereixa Paz e Olaia Fernández Davila --acompañadas polo portavoz nacional da fronte Xavier Vence--  presentaron esta segunda feira en comparecencia de imprensa unha batería de propostas para denunciar a reforma da Demarcación da Planta xudicial que prevé aprobar o goberno español. Desde o Bloque criticaron que esta nova medida se veña a sumar á implantación das taxas xudiciais o que supón, din, máis un "un golpe na liña de flotación do dereito á tutela xudicial efectiva”.  

Desde o BNG exixen á Xunta promover "unha reforma en profundidade" mais con carácter alternativo á proposta do executivo español baseada nun plan de ordenación territorial propio para Galiza

Alberto Ruíz Gallardón "amosouse favorábel", apuntou a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, ás propostas achegadas por unha "comisión de expertos" en cuxo informe se prevé a supresión dos partidos xudiciais en favor dun "modelo provincial" que manteña unicamente estas delimitacións administrativas nas capitais de provincia. Para @s nacionalistas a aprobación desta reforma supón un chanzo máis no "modelo territorial" deseñado polo Partido Popular no que se "reforza a provoncia como unidade administrativa" en contra da realidade territorial galega.  

Desde a organización frontista exixen á Xunta de Galiza que se "opoña" frontalmente á proposta e pule por "unha reforma en profundidade" da administración de xustiza mais, din, de acordo cun plan de ordenación territorial no que se teñan en conta as particularidades da Galiza. 

Neste senso, as Proposicións non de lei presentadas polo BNG instan á Xunta a "defender un modelo alternativo" e se dirixir ao executivo español para promover a transferencia "da competencia exclusiva sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial" á fin de "acometer unha revisión" que asegure "o mantemento dos partidos xudiciais" nas cidades, concellos con maior densidade poboacional e cabeceiras comarcais. Mais tamén, apuntan @s nacionalistas, que garanta "o dereito á tutela xudicial efectiva" e o "achegamento da xustiza á cidadanía". 

Comentarios