Poñen en cuestión o alcance da lei de sustentabilidade presentada polo Goberno de Rajoy

O BNG exixe no Congreso a devolución do proxecto de lei de sustentabilidade presentada polo goberno español por "non dar solución aos problemas que pretende resolver e carga os custos sobre @s consumidor@s".


O anteproxecto de lei presentado polo executivo español e debatido no Congreso d@s deputad@s esta terza foi rexeitada polas deputadas nacionalistas após considerar que a medida "ten contradicións pois o seu contido non ten relación co título", así o asegurou a deputada do BNG, Rosana Pérez.

A nacionalista denunciou a "finalidade recadatoria" da norma e denunciou que as disposicións que a compoñen non sirvan para "desincentivar comportamentos contaminantes" --como asegura o título do proxecto presentado polo goberno español. Neste sentido, Pérez referiuse ao imposto sobre o valor da enerxía eléctrica que gravará a produción independentemente de se provén ou non dunha fonte limpa, polo que tratará de igual maneira a enerxía nuclear e a eólica.

Rosana Pérez: "Os tributos que van introducir acabarán recaendo nos consumidores"

A deputada do BNG no Congreso asegurou que a norma "obvia o principio de quen contamina paga" e polo tanto non se encamiña cara a unha "fiscalidade verde digna de tal nome", espetou Pérez ao ministro de industria. Aliás, continuou na súa quenda de intervención a deputada, "tememos que os tributos que van introducir acabarán recaendo nos consumidores", ao tempo que asegurou "prexudicarán unhas 120 industrias galegas" pertencentes ao sector da madeira ou da alimentación cuxos custos de produción se verán incrementados provocando novos despedimentos.

Non resolverá o déficit tarifario
Rosana Pérez cuestionou a utilidade da norma asegurando que tampouco servirá para facer fronte ao "problema do déficit tarifario" cuxa principal causa reside "nun sistema de xeración de prezos totalmente inxusto e opaco", aseverou a deputada nacionalista que denunciou perante @s representantes do executivo español o aumento anual do prezo da electricidade que recae unicamente n@s utentes e supera o aumento do IPC desde o 2006. Pérez emprazou o goberno central a mudar a lei perante unha realidade cada vez máis adversa para as economías familiares das cales dixo, "teñen cada vez máis problemas para chegaren a fin de mes".

Así pois, o Bloque Nacionalista Galego exixiu a devolución do proxecto ao goberno por non "garantir a sustentabilidade, non resolver o problema do déficit tarifario nin mudar o modelo produtivo", concluíu a deputada. 

Máis en POLÍTICA
Comentarios