O goberno español levará Pontevedra aos tribunais pola extra de Nadal

O xulgado admitiu a trámite o recurso presentado en xaneiro de 2012 e fixa para dentro dun ano a celebración do xuízo. O executivo de Mariano Rajoy exixe a devolución do pagamento extraordinario de Nadal que o concello retribuíra @s traballador@s como 'plus' de produtividade. @s nacionalistas denuncian unha "persecución" desde Madrid.

"É unha decisión estritamente política" denuncian membros da corporación municipal habida conta de que o executivo liderado por Mariano Rajoy non actuou de igual maneira contra outras administracións locais que se declararon insubmisas aos recortes. Após catro meses da decisión de compensar a perda de poder adquisitivo derivada da supresión da paga extraordinaria por parte da administración central, o Concello de Pontevedra recibiu a notificación xudicial en que se admite a trámite o recurso presentado polo goberno español. 

Nel, Madrid acusa á administración liderada polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores de incorrer nun delito de "desviación de poder" para incumprir o decreto mediante o que o goberno español anulaba esta remuneración. Neste senso, a Avogacía do Estado exixe a devolución dos máis de 950.000 euros percibidos polas traballadoras e traballadores municipais en concepto de horas extraordinarias. 

Desde o concello aseguran que "Pontevedra fixo as cousas correctamente" e denuncian unha "persecución" por parte do Partido Popular pois, din, o pagamento recibido por 474 empregad@s (só 6 rexeitaron o plus de produtividade), tiña por obxecto paliar a perda de poder adquisitivo d@s traballador@s. Pola contra, desde a Delegación do goberno español en Galiza aseguran que o complemento tiña por obxecto "vulnerar o real decreto lei", sendo vontade do goberno local "defraudar a referida norma".  

Comentarios