O goberno español elevará a idade de consentimento sexual no seu Plan de Infancia

O executivo liderado por Mariano Rajoy desenvolverá esta reforma demandada polas Nacións Unidas. 

A ministra de Sanidade, Ana Mato anunciou en comparecencia de imprensa após a xuntanza do Consello de Ministr@s que o goberno español elevará a idade legal de consentimento sexual até o de agora fixado nos 13 anos. Segundo Mato, o obxectivo da mudanza encamíñase a "evitar abusos sexuais e loitar contra a pederastia". 

Neste senso, o executivo abrirá un período de debate e consulta entre os grupos parlamentares e as organizacións e asociacións dedicadas á infancia. Malia que a ministra de Sanidade non avanzou cal será a idade que defende o goberno, esta podería situarse nos 16 anos habida conta que será a idade fixada para o casamento legal entre persoas menores de idade. 

Ana Mato: "Para este goberno o aborto é sempre un drama"

Até o momento, o Estado español atópase entre os que recollen unha idade máis baixa no seu ordenamento xurídico a respecto das relacións sexuais consentidas, xunto co Vaticano (12 anos) e Italia (14 anos). A reforma vén a cumprir coa vontade expresada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón mais tamén cos anceios das Nacións Unidas que demandaron en 2007 a elevación da idade cando menos até os 15 anos. 

Inquirida pol@s xornalistas a respecto de se estas modificacións veñen a se sumar á anunciada polo ministro de Xustiza que (re)penalizará o aborto a través da derrogación da Lei aprobada polo goberno socialista, Ana Mato limitouse a responder apuntando que para o executivo de Mariano Rajoy "o aborte é un drama" en todas as ocasións. Aliás, asegurou estar a traballar en medidas de axuda á maternidade e de prevención de embarazos non desexados porén, o silenzo segue a ser a tónica xeral do goberno español arredor desta cuestión. Desde o anuncio ao comezo da lexislatura en que Ruíz Gallardón asegurou que sería o seu ministerio o que desenvolvería a reforma, aínda non se presentou ateproxecto de lei. 

Comentarios