O Goberno central aprobará hoxe o seu paquete de medidas urxentes contra os desafiuzamentos

PP e PSOE aproximaron posturas nas últimas horas mais inda non hai acordo definitivo. Non trascenderon apenas detalles das medidas que acordará o Consello de Ministros. O umbral da renda para evitar o desafiuzamento sería equivalente a dúas veces e medio o SMI.

19.230 euros ao ano. Ese será o umbral de renda máximo para evitar un desafiuzamento, na reforma legal que PP e PSOE están a negociar. A cantidade equivale a dúas veces o Salario Mínimo ou a tres do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), sobre doce pagas. Porén, o acordo inda non está pechado e o PSOE reclama que se amplíe a catorce pagas o cálculo.

Con todo, o executivo español aprobará no Consello de Ministros de hoxe un paquete de medidas “urxente” contra os desafiuzamentos, mesmo sen contar co acordo do PSOE. Ambas forzas decidiron excluír das negociacións ao resto do arco parlamentar.

Descoñécense así mesmo os termos dunha eventual reforma da lei hipotecaria, texto cuxa vixencia ofrece amparo á banca privada –mesmo a participada polo FROB con cartos públicos-- para expulsar das vivendas ás familias que non poden facer fronte á cota da hipoteca, e que ningún goberno centra --nin do PSOE nin do PP-- modificou antes. A lexislación española neste ámbito ten recibido numerosas críticas de instancias internacionais, por presentar unha clara desprotección das familias fronte as entidades financeiras, equiparando un ben esencial como a vivenda con calquera outra mercadoría.

A moratoria na execución de desafiuzamentos estará condicionada e unicamente os colectivos “máis vulnerábeis”, inda por concretar, poderán beneficiarse da mesma. Asemade o goberno modificará o código de boas prácticas das entidades financeiras para presionar ás mesmas a renegociar nun maior número de casos. Polo momento sábese que ficarán baixo o abrigo desta medida as familias que conten con menos de 1.600 euros mensuais de ingresos.

Comentarios