O gabinete de imprensa da Xunta impide perguntar a Sermos Galiza argüíndo "xa sabemos o que vas perguntar"

Así respondía a responsábel de prensa na comparecencia do presidente da Xunta após a xuntanza semanal do Consello de goberno.

O líder d@s populares, que tivo que enfrontar unha rolda de preguntas monotemática arredor das súas fotografías co narcotraficante arousán Marcial Dorado, eludiu pronunciarse a respecto das últimas novidades. O gabinete de imprensa da Xunta impediu a Sermos Galiza que realizase perguntas a Feijóo co argumento de que "xa sabemos o que vas perguntar e, total, xa respostou".

Alberto Núñez Feijóo repite desde o pasado domingo a mesma canción. O presidente da Xunta de Galiza nega ter coñecemento das actividades ás que se dedicaba o seu acompañante nas vacacións de 1995 e reitera que a súa actitude supón todo un exercicio de transparencia e saber facer perante a que constitúe a maior crise dos seus anos de goberno. 

Feijóo di subscribir "palabra por palabra" as súas afirmacións do pasado luns mais tamén as do xuíz Vázquez Taín que contradín a súa versión a respecto da súa amizade con Dorado. Segundo Taín esta teríase prolongado para alén do 2000

Porén, o líder do executivo galego evitou pronunicarse esta quinta feira a respecto das últimas novidades na polémica protagonizada polas súas fotografías co  contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado. Neste senso, segundo as investigacións do xuíz Vázquez Taín, os pinchazos nas comunicacións telefónicas de Dorado deixaron ver que en 2003 o daquela conselleiro de Política Territoral continuaba a manter a súa relación co arousán. As declaracións do xuíz puñan en entredito as verbas pronunciadas por Núñez Feijóo na comparecencia de imprensa desenvolvida a pasada segunda feira no Parlamento galego, en que aseguraba ter rachado toda relación con Marcial Dorado en 1998 sendo a última vez que coincidiran o enterro do amigo común, Manuel Cruz. 

Inquirido ao respeito, Nuñez Feijóo asegurou "subscribir palabra por palabra" as súas afirmacións na sé do grupo parlamentar do PP, mais tamén as do xuíz instrutor do caso que levou á cadea ao narco. "O que di o xuíz está escrito", aseverou Feijóo "e eu subscribo palabra por palabra o que dixo". O presidente da Xunta mantiña así a incertidume mais non negaba o dito por Vázquez Taín que situarían a relación de Feijóo e Dorado para alén de 2000. 

"Xa sabemos o que vas preguntar"

"A infamia rematou", repetiu até a saciedade o presidente da Xunta de Galiza, "e cando unha infamia se pecha" indicou, fica a verdade. Alberto Núñez Feijóo quere deixar á marxe o escándalo que o levou ás cabeceiras da imprensa nacional e internacional e dar carpetazo ao asunto que o vincula co narcotraficante Marcial Dorado mais o certo é que aínda deberá responder ás preguntas que os grupos da oposición lle formulen a vindeira cuarta feira en Pleno parlamentar. A esa comparecencia remitiuse o líder d@s populares para eludir as perguntas formuladas por algún(has) xornalistas. Non así Sermos Galiza. A este medio foille imposíbel formulas as súas preguntas --dúas por xornalista-- pois ao entender do gabinete de imprensa da Xunta "xa sabemos o que ides preguntar". O certo é que xa nos fora concedida a quenda de palabra cando sen máis decidiron dar por concluída a intervención do presidente. "O presidente xa respondeu", aseverou a traballadora do gabinete de imprensa presidencial. 

"Xa sabemos o que vas preguntar" lle espetaron a Sermos Galiza "e, total, xa respondeu"

Mais non era así. Sermos Galiza ía inquirir ao líder do executivo galego sobre a información publicada por un diario español a respecto da suposta demisión presentada polo daquela vice-presidente da Xunta a Manuel Fraga. O xornal El Mundo informou nas súas páxinas de que a existencia das fotografías co contrabandista Marcial Dorado e a posibilidade de que estas fosen feitas públicas levaron a Núñez Feijóo a pór o seu cargo a disposición do presidente galego que, no entanto, lle amosou a súa enteira confianza.

O que pretendía perguntar Sermos Galiza é por que Feijóo mudou de criterio. Se en 2003 consideraba que existían razóns suficientes para renunciar, por que en 2013 teima en aferrarse ao seu cargo? Cumpre ter en conta que en 2003 Feijóo era conselleiro e, en teoría, debíase ao principio de obediencia ao seu chefe político, que lle pediu que non se fose. Mais hoxe, 2013, o presidente é el. E en teoría non ten ningún superior hierárquico que o poda instar a que continúe no cargo.

Serán agora as forzas políticas con representación parlamentar as que desvelen as incógnicas que pairan arredor desta polémica. Existiron contratacións públicas que beneficiaron as empresas do contrabandista como aseguran algunhas formacións políticas? Presentou a súa demisión en 2003 perante o temor de que a publicación das imaxes repercutira na estabilidade do goberno Fraga? Até cando durou en realidade a relación entre o narco e o daquela alto cargo da administración galega?  

Comentarios