O executivo de Mariano Rajoy deberá dar explicacións a respecto da fortuna do Borbón en Suíza

Unha conta en Suíza con máis de mil millóns de euros dispara as alertas arredor da fortuna persoal do monarca español. A oposición urxe explicacións ao goberno mentres o PP nega que o patrimonio de Juan Carlos I sexa relevante. 

Borbón
photo_camera Juan Carlos I

As contas en Suíza ou calquer outro paraíso fiscal non deixan de ser noticia. Após coñecerse a empregada por Luís Bárcenas, esta fin de semana un diario español facía pública a cantidade de diñeiro que o monarca Juan Carlos I posúe desde os anos noventa no Sogenal Banque, en Xenebra. Máis de dous millóns de euros (315 millóns de pesetas noutrora) en concepto de herdo serían os que o pai do rei deixou ás súas crianzas logo de finar. De entre eles, 1.100.000.000 de euros foron parar a mans do que o sucedeu á fronte da Coroa. 

Pouco máis se sabe da procedencia desta fortuna persoal --até o momento descoñecida por moit@s. Tampouco así da orixe dos fondos depositados en tres contas suízas titularidade do seu proxenitor. Para alén de se o executivo español coñecía ou investigou nalgún momento a existencia deses máis de mil millóns de euros que o xefe de Estado mantén nun paraíso fiscal. 

Neste senso, BNG, ICV e UPyD rexistraron sendas preguntas dirixidas ao goberno liderado por Mariano Rajoy á fin de que este explique o seu parecer a respecto da fortuna privada do rei. 

A oposición exixe explicacións mentres o PP asegura que investigar a fortuna do rei "está fóra de lugar"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, preguntou ao executivo español se o Borbón tributa polo seu patrimonio e se a Axencia Tributaria ten ou non constancia da existencia da devandita conta suíza. Segundo a voceira nacionalista o debate arredor da transparencia nos cargos públicos, é extensíbel á figura da Xefatura de Estado polo que o goberno deberá explicar se ten previsto incluír ao monarca entre as responsabilidades institucionais que estarán suxeitas á Lei de Transparencia. 

En troca, desde as filas do Partido Popular teimaron en lle quitar ferro ao asunto e rexeitaron investigar o herdo do rei argüíndo que este "pertence ao pasado". O portavoz adxunto do PP no Congreso, Rafael Hernando criticou aos grupos da oposición por pediren explicacións arredor da fortuna do rei e considerou que o tema estaba "prescrito" por datar de 1993. "Paréceme todo fóra de lugar", aseverou Hernando ao tempo que asegurou "o problema de España non é ese". 

Comentarios