O exalcalde de Boqueixón (PP) acrecenta as sospeitas de politización do caso Pokémon

Nunha entrevista publicada en LVG, Adolfo Gacio asegurou que foi imputado porque "tiña que haber un concello do PP" na causa instruída por Pilar de Lara.

As sospeitas de politización do caso Pokémon teñen desde hoxe un novo e sólido argumento. Ao momento escollido, en precampaña electoral, malia que informacións aseguran que investigación que deu lugar ao operativo estaba practicamente lista á altura do mes de xullo, e ás ligazóns co Partido Popular e o Opus Dei da xuíza instrutora, Pilar de Lara, súmanse unhas explosivas declaracións do agora dimitido alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio. 

“Había que ter un concello do PP” no caso Pokémon, asegurou Gacio

Detido e imputado dos delitos de prevaricación e suborno, Gacio declarou nunha entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia que cre ser “moeda de cambio” no caso que investiga unha presunta trama de corrupción. “Había que ter un concello no PP” dixo, para a seguir declarar que na súa opinión foi incluído para compensar a detención do alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, co pretenso de evitar que parecese unha causa politizada. É o único de entre os 23 arrestados na operación que está directamente vinculado ao Partido Popular, do que fai parte. 

O feito de que Gacio fose levado aos xulgados esposado, mentres que Rodríguez e outros encausados non, corroboraría a denuncia dunha escenificación deliberada co obxecto de evitar controversias. Asemade, a súa saída a medias --non renunciou á acta de concelleiro-- foi pactada con Feijóo e Negreira. A “dimisión trampa”, como a definiu Francisco Jorquera, serviría deste xeito de compensación política a Gacio, que xa estaba a preparar desde hai meses a súa saída da alcaldía a cambio dun posto na embaixada española en Venezuela ao que non poderá optar até que se reduza o balbordo mediático. Aliás, Adolfo Gacio é o único cargo público imputado que continua a desempeñar algunha responsabilidade institucional.

Un home de Romay Beccaria

Outro factor a ter en conta é a estreita ligazón de Adolfo Gacio co popular Romay Beccaría, un dos pesos pesados do Partido Popular e principal valedor de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. De confirmarse a tese do exrexedor de Boqueixón, este tería sido empregado como cabeza de turco do PP por tratarse dunha persoa da máxima confianza da dirección popular.

Comentarios